Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

02/02/2010 GMT 1

Homenaxe

fumador @ 13:07


A semana pasada morreu Salinger, o autor de The catcher in the rye, O vixía no centeo. Que o vello Salinger a espichase hai uns días impórtamechevos unha merdiña espichada nun pau. O asunto é que lle collín cariño a Holden e, aínda que se lle vaia un pouco a chencha, cáeme ben. De nos coñecer, posíbelmente estaríamos do mesmo lado. El merece unha homenaxe.

Coñecín este libro no instituto, como lectura obrigatoria de lingua galega, no momento exacto. Tiven varias traducións como lectura obrigatorias, era un teima daquela señora que no puña galego. Posúo unha 5ª edición de 1994, que segue a ser o mesmo texto da primeira edición do 89. O tal Moncho fixo un bo traballo.

Este cravo recibiu a martelada derradeira cando vin Conspiracion, interpretada por Mel Gibson, onde O vixía ten un papel crucial no mundo das conspiparanoias.

Déixovos cun dos meus momentos favoritos:

-E quen é a túa cita se non é Fitgerald? -Sentei na pileta outra vez-. Esa nena, Phylis Smith?

-Non. Ía ser, pero os arranxos fóronse ao carallo. É a compañeira da cuarto da moza de Bud Thaw... Eh, case me esquecía. Coñécete.

-Quen?

-A que ten a cinta comigo.

-Si? Como se chama?-Collín moito interese.

-Estou pensando... Uh, Jane Gallagher.

Tío, case caio de cu cando tal oín.

-Jane Gallaguer! - Mesmo me puxen de pé cando o dixo. Case caio morto-. Dende logo que a coñezo. Vivía na porta do lado o outro verán. Tiña aquel maldito dóberman, Pinscher. Así foi como a atopei. O can sempre andaba a meterse na nosa...

-Estasme a quitar a luz, Holden. Tes que estar xusto aí?

-Onde está?- pregunteille-. Debera baixar e saudala ou algo. Onde está? No Annex?

-Si.

-E como foi que che falou de min? Aínda vai a B.M.? Dixo que igual ía alí. Tamén dixo que igual ía a Shipley. Pensei que iría a Shipley. E como foi que che falou de min? -Estaba ou excitado. Verdadeiramente estaba.

-Non o sei, tío. Érguete de aí, queres? Estás na miña toalla -dixo Stradlater. Estaba sentado na súa estúpida toalla.

-Jane Gallagher. -Non podía recobrarme-. Xesús.

O Stradlater botaba Vitalis no cabelo. O meu Vitalis.

-É bailarina. Ballet e todo. Practicaba dúas horas diarias. Aínda que cunha calor que abafaba. Preocupábaa que se lle puxesen mal as pernas. Xogabamos ás damas todo o tempo.

-Xogabades a que todo o tempo?

-Ás damas.

-Ás damas, manda carallo!

-Si, e ela nunca movía as súas. O que facía,cando facía unha, era que non a movía. Deixábaa estar alí, fa fileira do fondo. Poñíaas todas alí, na fileira do fondo. E non as usaba. Gustáballe mirala dotas alí, na fileira do fondo.

Stradlater non dixo nada. Esas cousas non lle interesan a moita xente.

-A súa nai pertencía ao mesmo club ca nós. Eu levaba o carriño dos paus de golf de vez en cando, só por sacar algunha pasta. Leveillo a ela un par de veces. Deu uns cento setenta golpes para nove buracos.

Stradlater apenas atendía. Estaba a peitar as súas marabillosas ondas.

-Debera baixar e, polo menos, dicirlle ola.

-E por que non o fas?

-Vou un minuto.

Empezou a facer a raia de novo. Leváballe unha hora peitear o cabelo.

-Os seus pais estaba divorciados. A súa nai volveu casar cun borrachón -dixen-. Un fulano delgado coas pernas chegas de pelos. Lémbrome del. Sempre levaba pantalóns curtos. Jane dicía que se supuña que era escritor de teatro ou algo así, pero eu sempre o vin a beber ou a escoitar programas de misterio na radio. E andando pola casa nu, con Jane por alí e todo.

-Si? -Dixo Stradlater. Iso interesoulle de verdade. O borrachón correndo pola casa nu con Jane por alí. Strandlater era un fillo de puta a quen só lle importaba o sexo.

-Tivo unha infancia piollenta. Sen bromas.

Pero iso non lle interesaba a Strandlater. Só o sexo lle interesaba.

-Jane Gallagher, Xesús. -Non podía tirala da cabeza. Abofé que non-. Teño que baixar e saudala, polo menos.

-Por que carallo non vas dunha vez, en vez de estar aí a dicilo?

Fun ata a fiestra, mai non se miraba nada polo vapor que había nos servizos.

-Non estou no memento agora -dixen. E non estaba. Para esas cousas un ten que estar no momento-. Pensaba que fora a Shipley. Mesmo podería xurar que fora a Shipley. Dei unhas voltas. Non tiña outra cousa que facer-. E Gustoulle o partido?

-Gustou, supoño. Non sei.

-Díxoche que sempre andabamos a xogar ás damas, ou algo?

-Non o sei, por Cristo. Acáboa de coñecer. -Terminaba de peitear os seus malditos cabelos e estaba recollendo os seus pringosos artículos de tocador.

-Escoita. Dálle os meus saúdos, queres?

-Moi ben -dixo Strandlater, mais eu sabía que probablemente non o faría. Velaí tes a un tío coma o Stradlater, que nun lle dá os teus saúdos á xente.

El voltou ao cuarto, pero eu aínda quedei un pouco no servizo, pensando en Jane. Logo tamén voltei para a habitación.

Strandlater estaba pondo a gravata diante do espello cando cheguei. Pada a metade da vida diante do espello. Senteime na miña cadeira, e mireino facer.

-Eh, non lle digas que me botaron.

-Moi ben.

Iso era algo bo que tiña Stradlater. Non había que andarlle explicando cada cousa, como había que facer con Ackley. Maiormente, supoño, por que non lle interesaba moito. Ackley era distinto. Gustáballe meter o nariz en todo, ao fillo de puta. Puxo a miña chaqueta de dente de can.

-Xesús, trata de non estirala toda. -Eu só a puxera un par de veces.

-Non cha estiro. Onde carallo esta o meu tabaco?

-Na mesa. -Nunca sabía onde deixaba nada-. Debaixo da bufanda. -Púxoo. no peto da chaqueta, da miña chaqueta.

Deille a voga outra vez á miña gorra de caza, para varia. De súpeto, empecei a poñerme nervioso. Son un tío nervioso.

-Escoita, onde vas ir con ela? Xa o sabes?

-Non sei. Nova York, se temos tempo. Ela ten que voltar ás nove e media.

Non me gustou como o dixo, así que engadín:

-Iso é porque non sabe o guapo e encantador fillo de puta que ti es. Se o soubese, seguramente querería voltar ás dez e media da mañá.

-Segura que si. -Non era fácil cabrealo. Era demasiado presumido.-. Agora se bromas. Fasme a redacción?

Xa puxera o sombreiro, es estaba listo para irse.

-Non te mates moito, pero faina ben descritiva, de acordo?

Non lle respondín. Non me apetecía. Todo o que dixen foi:

-Pregúntalle se aínda deixa todas as damas na fileira de atrás.

-Moi ben – dixo Strandlater; pero eu sabía que non llo había de preguntar-. Tómao con calma agora. -Saíu dándolle un bo golpe á porta.

Despois que marchou fiquei alí sentado unha media hora. Quero dicir que estaba alí sentado, na cadeira, ser facer nada. Pensaba en Jane, e en Strandlater que tiña unha cita con ela. Poñíame tan nervioso que case toleaba. Xa vos dixen que a aquel fillo de puta de Strandlater só lle interesaba o sexo.

J. D. Salinger, O vixía no centeo.

 

queixo1.jpg
Queixo por Daniel Camino,  apud  CCCP.

 

 

25/01/2010 GMT 1

A Teoría Xeral da Relatividade, Superman e o Muro.

fumador @ 12:21

«Temos que evidentemente non renunciar (sic) ao que é noso, pero sen que iso signifique tampouco un muro para o desenvolvemento do futuro dos próximos galegos dentro do que é ese novo marco social da UE e a nivel mundial». J. V.

 

Hai uns días pensaba arredor do que pode causar a miña afección pola Física. Unha das posibilidades que se me ocorre é porque resulta moito máis azouta á hora de facer predicións sobre a realidade, feito que a afasta da Lingüística actual, que aínda non o pode facer. Por eses mesmos días andaba a ver un documental sobre as aplicación da Teoría Xeral da Relatividade de Einstein, que afirma que o que nós denominamos espazo, tempo a enerxía son formas dun todo, permite pensar unha viaxe niso que chamamos tempo.

Ronald Mallet, profesor de física na Universidade de Connecticut, aparecía co prototipo dunha máquina que entrecruzaba feixes de luces láser como se fosen as cordas dun cuadrilátero. Logo prendía un cigarro e púñase a fumar nel, botando o fume ao medio do cadrado. O fume, nun primeiro momento inerme a teorías, pasaba de longo. Porén, os restos que permanecían non centro ían formando no interior do cadro unha curiosa forma elíptica, cuaseorbital, coma unha pequena galaxia. A idea deste home era ceibar unha partícula nese mecanismo e monitorizala. Se desaparecía da vista dos escáneres, habería que concluír que se trasladaba non no espazo, senón non tempo.

Agora ben, por mor da natureza da relación entre a enerxía, o espazo e a velocidade, esta viaxe no tempo só se podería dar cara o futuro por unha sinxela razón: a igualdade e = mc2 é una multiplicación. Para poder viaxar cara atrás a masa tería que ser negativa. Aínda que existe un modelo da física teórica que permite a existencia dunha partícula con materia negativa, o takhión (en rigor a explicación científica é un pouco máis longa e complexa). En todo cas, a existencia dun crononauta é mito, ficción ou lenda urbana, como a de John Titor.

O mundo do cine e das series conta con milleiros de exemplos de narracións no tempo nas dúas direccións. Hainas moi queridas para min, como a vela serie do Dr. Who, outras son completamente frívolas, como a coma a saga de Regreso ao futuro (Conste que M. J. Fox ten, polo menos unha película boa) e, finalmente, outras máis suxerentes como a primeira da serie Terminator. De todas esas historias, gardo na memoria unha secuencia de Superman I. De entre os superheroes, Superman sempre será diferente. Nun momento determinado, diante da morte da súa namorada, Surperman xira arredor da Terra a tal velocidade que curva o espazo-tempo para poder salvala antes de ser aplastada por un helicóptero. O máis inhumano é tamén o máis humano.

Con toda a leria do galego, Jesús Vásquez (o Conselleiro de Educación, non o presentador da tele) preferíra viaxar nunha máquina do tempo ou, quizais, ser superman e dar un par de voltas ao mundo e retroceder algo no tempo. Con todo, cando un mete a zoca, non lle ten moito que facer, quitado de aprender do erro e tirar para diante. Dubido que entre as pelis do conse estean as de Supermán. Prefire, sen dúbida Too Fast, Too furious ou a versión de The Wall: Hey, teacher, leave the kids alone.

 

The wall

 

19/01/2010 GMT 1

Paremos o decretazo

fumador @ 10:17


Na Radio Galega, hoxe mesmo.

Tertuliano filoPP: – O que non pode ser é que o meu fillo non saiba o que é unha  «rodilla» porque ten Coñecemento do Medio en galego, como todas as troncais...

Xabier Vence: – Pero iso amáñase con ver un par de partidos de fútbol na tele.

Tertuliano filoPP: – Non, porque os vexo na televisión de Galicia

 

Minutos máis tarde.

Tertuliano filoPP: – Claro o meu fillo ten libro ata de ximnasia, que este ano tocou en castelán.

Xabier Vence: –Entón, sabe ou non sabe o que é unha  «rodilla»?

folga-xeral-ensino.jpg

18/01/2010 GMT 1

Haití

fumador @ 13:49

Reproduzo un artigo de Galeano que anda pola arañeira. Quero relacionalo cun libro que acabo de ler A doctrina do shock, de Naomi Klein, cuxa cerna é a explicación do funcionamento do capitalismo do desastre: como, perante unha catástrofe natural (Katrina, tsunami) ou humana (invasión Irak, Afganistán, o terrorismo), hai unha serie de compañías privadas que viven dos procesos de reconstrución.

Os pecados de Haití

Eduardo Galeano

 

A democracia haitiana naceu hai un anaquiño. No seu breve tempo de vida, esta criatura esfameada e enferma non recibiu máis que labazadas. Acabada de nacer, nos días de festa de 1991, cando foi asasinada polo golpe do xeneral Raoul Cedras. Tres anos máis tarde resucitou. Logo de pór e tirar a tantos ditadores militares, Estados Unidos tirou e puxo ao presidente Jean-Bertrand Aristide, que fora o primeiro gobernante electo por voto popular en toda a historia de Haití e que tivera a tola ocorrencia de querer ter un país menos inxusto.

O voto e o veto

Para borrar as pegadas da participación estadounidense na ditadura carniceira do xeneral Cedras, os infante de mariña leváronse 160 mil páxinas dos arquivos secretos. Aristide regresou encadeado. Déronlle permiso para recuperar o goberno, pero lle prohibiron o poder. O seu sucesor, René Préval, obtivo case o 90% dos votos, máis poder que Préval ten calquera mandón de cuarta categoría do Fondo Monetario ou do Banco Mundial, aínda que o pobo haitiano non o elixise nin con un só voto.

Máis que o voto, pode o veto. Veto ás reformas: cada vez que Préval, ou algún dos seus ministros, pide créditos internacionais para lle dar pan aos famentos, letras aos analfabetos ou terras aos labregos, non recibe resposta, ou contestan ordenándolle:

––Recite a lección. E como o goberno haitiano non dá aprendido que hai que desmantelar os poucos servizos que quedan, últimos pobres acubillos para un dos pobos máis desamparados do mundo, os profesores dan por perdido o exame.

A coartada demográfica

A finais do ano pasado catro deputados alemán visitaron Haití. Acabados de chegar, a miseria do pobo golpeoulles nos ollos. Entón o embaixador de Alemaña explicoulles, en Port-ao-Prince, cal é o problema.

–Este é un país superpoboado –dixo–. A muller haitiana sempre quere, e o home haitiano sempre pode.

E riu. Os deputados calaron. Esa noite, un deles, Winfried Wolf, consultou as cifras. E comprobou que Haití é, canda El Salvador, o país máis superpoboado das Américas, pero está tan superpoboado como Alemaña: ten case a mesma cantidade de habitantes por quilómetro cadrado.

Nos seus días en Haití, o deputado Wolf non só foi golpeado pola miseria: tamén foi cegado pola capacidade de beleza dos pintores populares. E chegou á conclusión de que Haití está superpoboado... de artistas.

A tradición racista

Estados Unidos invadiu Haití en 1915 e goberno o país ata 1934. Retirouse cando logrou os seus obxectivos: cobrar as débedas do City Bank e derrogar o artigo constitucional que prohibía vender as plantacións aos estranxeiros. Daquela Robert Lansing, secretario de Estado, xustificou a longa e feroz ocupación militar explicando que a raza negra é incapaz de se gobernar a si mesma, que ten  «unha tendencia inherente á vida salvaxe e unha incapacidade física de civilización». Un dos responsábeis da invasión, William Philips, incubara tempo antes a aguda idea:  «Este é un pobo inferior, incapaz de conservar a civilización de deixaron os franceses».

Haití fora a xoia da coroa, a colonia máis rica de Francia: unha gran plantación de azucre, con man de obra escrava. N’O Espírito das leis, Montesquieu, explicárao sen pés de la:  «O azucre sería caro demais se os escravos non traballasen na súa produción. Estes escravos son negros desde os pés ata a cabeza e teñen o nariz tan achatado que é case imposíbel terlles mágoa. Resulta impensábel de Deus, que é un ser sabio, puxera unha alma, e sobre todo unha alma boa, nun corpo enteiramente negro».

En troca, Deus puxera un látego na man do capataz. Os escravos non se distinguían pola súa vontade de traballo. Os negros eran escravos por natureza e vagos tamén por natureza, e a natureza, cómplice da orde social, era obra de Deus: o escravo debía servir ao amo e o amo debía castigar ao escravo, que non mostraba o menor entusiasmo á hora de cumprir co designio divino. Karl von Linneo, contemporáneo de Montesquieu, retratara o negro con precisión científica:  «vagabundo, lacazán, neglixente, indolente e de costumes disolutas». Máis xenerosamente, outro contemporáneo, David Hume, comprobara que o negro  «pode desenvolver certas habilidades humanas, como o papagaio que fala algunhas palabras».

A humillación imperdoábel
En 1803 os negros de Haití propináronlle unha tremenda malleira ás tropas de Napoleón Bonaparte, e Europa non perdoou xamais esta humillación infrinxida á raza branca. Haití foi o primeiro país libre das Américas. Estados Unidos conquistara antes a súa independencia, pero tiña medio millón de escravos traballando nas plantacións de algodón e de tabaco. Jefferson, que era dono de escravos, dicía que todos os homes son iguais, pero tamén dicía que os negros foron, son e serán inferiores.

A bandeira dos libres alzouse sobre as ruínas. A terra haitiana fora devastada polo monocultivo de azucre e arrasada polas calamidades da guerra contra Francia, e unha terceira parte da poboación caera no combate. Entón empezou o bloqueo. A nación neonata foi condenada á soidade. Ninguén lle compraba, ninguén lle vendía, ninguén a recoñecía.

 

O delito da dignidade

Nin sequera Simón Bolívar, que tan valente soubo ser, tivo a coraxe de asinar o recoñecemento diplomático do país negro. Bolívar puidera reiniciar a súa loita pola independencia americana, cando xa España o derrotara, grazas ao apoio de Haití. O goberno haitiano entregoulle sete naves e moitas armas e soldados, coa única condición de que Bolívar liberase aos escravos, unha idea que ao Libertador non se lle ocorreu. Bolívar cumpriu con este compromiso, pero logo da súa vitoria, cando xa gobernaba a Gran Colombia, deu as costas ao país que o salvou. E cando convocou ás nacións americanas á reunión de Panamá, non convidou a Haití pero invitou a Inglaterra.

Estados Unidos recoñeceu a Haití serodiamente sesenta anos despois do fin da guerra de independencia, mentres Etienne Serres, un xenio francés da anatomía, descubría en París que os negros son primitivos porque teñen pouca distancia entre o embigo e o pene. Para entón, Haití xa estaba en mans de carniceiras ditaduras militares, que destinaban os esfameados recursos do país ao pago da débeda francesa: Europa impuxéralle a Haití a obrigación de pagar a Francia unha indemnización xigantesca, a modo de perdón por cometer o delito da dignidade.

A historia do acoso contra Haití, que nos nosos días ten dimensións de traxedia, é tamén unha historia do racismo na civilización occidental.

 

the-sartorialist.jpg

The Sartorialist - Hi from Milano

10/01/2010 GMT 1

Para que serven as matemáticas?

fumador @ 17:40

limite-matematico.JPG

Cando cursei os meus estudos de ensino secundario houben de me enfrontar co hándicap de ter que estudar disciplinas que daquela xulgaba inútiles. O caso máis bizarro foi una no que estudei ximnasia de forma teórica,  con apuntamentos e con exames escritos trimestrais, por mor dun erro fatal de deseño de pavillón anexo, o cal se inundaba ineludibelmente cada vez que chovía un bocadiño. Aquel ano coincidira, por un estraño efecto do acaso, cos máis altos índices de pluviosidade da década, estraño fenómeno, que se ía repetir, se non lembro mal, dez anos máis tarde, noutra altura que tamén ficou gravada como unha das máis especiais para min. Aqueles coñecementos de cultura e historia do deporte por unha parte, e de anatomía e bioloxía pola outra, haberían de me ser extraordinariamente útiles co paso do tempo.

Se callar, esta anécdota pode ser estremeira e moi persoal. Con certeza, hai outras disciplinas que no momento de as ter que estudar resultaban tediosas ee aparentemente de nula utilidade práctica. Unha delas é a Historia, polo menos para moitos, e, aínda que a considera fundamental e especialmente valiosa para entender o mundo actual tal como é. Non obstante,  podo comprendelo, porque a min sempre me ocorreu con gran parte das Matemáticas. Que me importaba a min o lugar e a hora de encontro de dous comboios que saíran de dúas cidades separadas por un treito, con velocidades diferentes? Ou, para que ía necesitar a fórmula para resolver fórmulas polinómicas de enésimo grao? Non todos os meus pensamentos adolescentes eran deste teor: o cálculo vectorial sempre me resultou simpático.

Vou pór un exemplo (pódese ler ampliado aquí) que vou resumir: durante este período coincidiu que o actual presidente da Xunta de Galiza apareceu nunha cola para tomar un avión. Como consecuencia da súa posición, puido evitar agardar pola súa quenda. Trascendendo este casualidade, hai certa incompatibilidade entre a igualdade (facer cola) e a liberdade (non agarda como todo o mundo). Por iso é polo que a palabra  «liberdade» é un pozo no cal, canto máis profundo se mire, máis escuro está. Todo isto lembroume ao estudo das funcións e ao cálculo de límites. Era un pesadelo operar con eles, pero a representación gráfica resultoume fascinante, coma a de arriba, que relaciona os valores de x e y. A máis x menos y e ao revés. O límite lese  « O límite da función de x cando y tende a ser infinito é cero».

Pois ben, cando hai persoas completamente libres, que poden facer absolutamente o que queiran, mesmo con outras, persoas, hai desigualdade. Cando a liberdade tende a ser infinita, a igualdade tende a ser cero. Esta expresión  «pseudomatemática» pódese aplicar, a moitas situacións, por exemplo, ás disposicións sobre o ensino do  «Informe» das bases dun decreto que diminúe o galego no ensino.

 

vicodin_advertisement_by_scuzzo.jpg

01/01/2010 GMT 1

Unha anécdota

fumador @ 15:52

 «– Nos Conocimos antes, en la librería de la facultad.» (Lisa a Greg, House, 6ª temporada, capítulo 117; 06-07)

 

Quen me coñeza, saberá que son seguidor habitual da serie House, especialmente da sexta temporada, debido ás características da súa trama. A cita, que sospeito que é vital para a trama, non  a puxen en relevo por gusto ou afección, senón por unha deriva profesional. Alguén sabe o que significa librería en español? Pois, máis ou menos, o mesmo que en galego;  unha libraría é un lugar onde se venden libros. Non sei exactamente até que punto chega a privatización dos servizos públicos nas universitarias norteamericanas, mais sospeito que as facultades non venden libros. Sospeito que, a partir dunha frase en inglés como  «We met before, at the college library.» alguén traduciu library por librería, cando se trata dunha simple biblioteca.

Deixo constancia de que eu non sei inglés, simplemente detcateiime deste erro por ósmose, despois de pasar unha longa formación académica rodeando de xente que sabe moito. Por exemplo, aprendéronme que hai moitas construcións inglesas que teñen os paralelas en galego. Por exemplo: we are at my parent’s = estamos na dos meus pais, we can meet at Pepe’s = Podemos quedar na de Pepe (noutras linguas habería que expecificar: na casa dos meus pais, no bar de Pepe).

Por outra parte non me estraña que se produzan este tipo de equivocacións. O toyotismo, a nova versión do capitalismo, baseou o crecemento económico na sobreexplotación de todo tipo de traballadores. Unha explicación polo miúdo deste proceso pódese achar no libro O mundo do traballo fronte á globalización capitalista, editado pola CIG. Un dos trazos deste capitalismo ultraliberal é a proletarización das profesións liberais. Os licenciados universitarios pasan a ser bolseiros.

Así e todo, alén da proletarización das profesións liberais, que tamén lle afecta á tradución e xa que logo ao subtitulado audiovisual, o certo é que o groso da tradición tradutolóxica española ten detrás unha historia chea de problemas e unha práctica eivada, impensábel en galego. As excepcións, que as hai, son moito máis que honrosas.

Por exemplo, son común sas prácticas non estandarizadas, como españolizar, 'traducíndoos', os nomes propios: como Friedich Engels = Federico Engels, Vladimir  «Lenin» Ilich  = Vladimiro  «Lenin» Ilich pero Ismail Kadaré (con ortografía pseudofrancesa) no lugar de Ismail Kadare. Por outra parte, sobre nos títulos de libros ou de películas, danse as traducións libres, inventadas; así  «Lo que el viento se llevo» respondía  a un orixinal  «Gone with the wind» literamente ‘foise co vento’ (que foi o título do filme en galego). Para finalizar, no ámbito da terminoloxía especializada, a situación é caótica con calcos de luxo ou  invencións. De tal xeito que «Obligaciones colaterales de deuda»,  que provén de  «Collateralised debt obligations» (obrigacións de débeda garantida en galego, igual que portugués e francés),  é o curioso nome para a os produtos financeiros tóxicos que están na cerna da crise financeira.

Non quería cargar contra o mundo da tradución española. Os problemas da súa calidade son estruturais e están enmarcados dentro da decadencia da humanística española. Fronte ao discurso da ideoloxía dominante, o español está en franca decadencia, perdendo peso fronte o inglés en Estados Unidos e está case desaparecido nas Filipinas, e no Sahara Occidental fronte ao francés e árabe. En Sudamérica, principal reserva de falantes de español, a potencia en ascenso e o lusófono Brasil.

Un exemplo desta decadencia é a RAE, noutrora prestixiosa, hoxe desautourizada despois dos seus desastrosos dicionarios de finais do século XX e que, acaba de tirar do prelo unha nova edición da gramática (que se agardaba desde hai 36 anos, aínda que substituíse á de 1931) cunha visión moito máis restrixida do que calquera das galegas. A normativa española, pioneira na fixación prescritiva, dispérsase entre a Gramática, a Ortografía e máis o Dicionario, é incoherente e  carece de estabilidade: desde 1973 modificouse parcialmente nove veces –falo de memoria: dúas veces en 1973 (o Esbozo e a Ortografía) , en 1984 (un dicionario), en 1992 (un dicionario copia do anterior), en 1999 (unha ortografía), en 2001 (un dicionario), en 2003 (unha polémica ortografía), en 2005 (o dicionario panhispánico) e en 2009 (unha gramática). Persoeiros moi importantes da cultura hispánica cuestionan a RAE, como Gabriel García Márquez e un gran número de especialistas manteñen unha posición crítica, por manter unha posición lonxe da lingua falada. Case o 90% de español-falantes pronuncia sapato, lus, casa, seta (e non zapato, luz, caza, zeta).

O galego, en comparación, ten unha norma unitaria, as Normas RAG-ILG, con tanta estabilidade que se modificou dúas veces media desde 1981: unha reedición retocada en 1995, un dicionario normativo en 1997 e a reforma de 2003, esta última para solucionar parte do seu problema principal, a posición dentro do macrosistema lingüístico galego-luso-afro-brasileiro.

A representatividade da RAE vai diminuíndo co tempo, o que ten que ver moi directamente coa súa composición: luises marías ansóns ou arturos pérez-revertes no mellor dos casos, pero non escritores como Eduardo Mendoza. Nada que ver coa nosa, onde asistimos a entradas de académicos que gozan da anuencia de grandes sectores do ámbito cultural e histórico, como Manolo Rivas ou Bernardiño Graña. Continúo:

Cal é o presidente da RAE?

Porén, quen non coñece a Ferrín, que ten moitas posibilidades de ser o seu presidente?

 

 

nick-brandt.jpg
Fotografía de Nick Bradt

25/12/2009 GMT 1

Os filtros da democracia

fumador @ 21:29

Hai un par de semanas merquei un par de filtros ultravioletas para as lentes da miña cámara réflex, sen caer no consumismo, parecéndome ben baratos cando só tiñan un prezo axusta. Non puiden resistir a tentación e fun facendo probas coa cámara con filtros e sen filtros, desde o coche, aproveitando os semáforos en vermello e as retencións. Xa na casa comparei os resultados e non deixei de me sorprender polo sensible cambio que se apreciaba. Un filtro UV é, aparentemente, incoloro, transparente, neutro, mais filtra un determinado espectro de luz que, sendo imperceptíbel ao ollo humano, inflúe na configuración cromática e na percepción global dunha imaxe. Podedes buscar os seus efectos en calquera páxina dedicada ao mundo da fotografía.

Hai uns días, reorganizando a cantidade de imaxes que tiña no meu disco duro (que aumentara virtude aos filtros) achei unha imaxe que tiña gardada desde hai uns cantos meses; ha ser de poucos días logo das eleccións galegas:

parlamento galego non proporcional

Ocorréseme que isto non deixa de ser unha imaxe, unha fotografía onde se usaron filtros correctores, non acaba por ser real de todo. Agora ben, a diferenza dos que emprego eu, estes teñen uns efectos maiores. Non pensara até agora nisto, pero o goberno galego éo porque ao votos se lle aplicou un filtro que distorsionou o resultado electoral. Ese non é outro que a lexislación electoral. Entroume a curiosidade de saber cal é o grao de distorsión e fixen unha proba. Comparei os votos en número e  en porcentaxe cos escanos en número e en porcentaxe e a seguir deducín a diferenza entre as porcentaxes. Este é o resultado:

 

Votos

%

Escanos

%

D %v-e

PP

789427

46,68%

38

50,67%

3,98%

PSOE

524488

31,02%

25

33,33%

2,32%

BNG

270712

16,01%

12

16,00%

–0,01%

A columna realmente importante (deixando a un lado o feito de que a suma do votos das formacións políticas do goberno anterior supera ao do actual) é a da do D, á dereita, que é a diferenza entre a porcentaxe de voto e de escanos. Un resultado positivo implica sobrerrepresentación e un negativo subrepresentación. O PP obtén unha vantaxe significativa (tamén o PSOE, eh!); en troca, o BNG está onde debería, case.

Daquela, onde se descompensa todo? Noutros blogues, teño lido a demostración matemática de que os trazos por orde de importancia do sistema electoral onde participamos son a) a circunscrición electoral provincial e b) dentro destas, a distribución dos escanos polo sistema D’Hont corrixido. Fixen un pequeno experimento. Cal é o resultado se aplicamos dous principios diferentes: unha circunscrición electoral única para Galiza e o método da proporción directa pura? Este é o meu cálculo:

Votos

%

Escanos

%

D %v-e

PP

789427

46,68%

35

46,67%

–0,02%

PSOE

524488

31,02%

23

31,67%

–0,35%

BNG

270712

16,01%

12

16,00%

–0,01%

UPD

23796

1,41%

1

1,33%

–0,07%

TEGA

18726

1,11%

1

1,33%

0,23%

IU

16441

0,97%

1

1,33%

0,36%

OV

5911

0,35%

1

1,33%

0,98%

PUM+j

3507

0,21%

0

0,21%

0,21%

En branco

28071

1,66%

 

 

 

(As variacións nas centésimas das porcentaxes débense a decimais ocultos)

A aplicación deste sistema é, en termos estritamente democráticos, moi máis xusta (E podería facerse, porque Galiza ten competencias plenas para definir o réxime electoral das súas institucións).

A sociedade galega é moito máis complexa e rica do que semella. De a ollar cun chisco de atención, atopamos unha chea de matices, de cores e de tendencias. Maioritariamente tende a posicións de esquerda social (en sentido moi amplo): así é como se autolocalizan as persoas que votan os partidos en negriña. Creo que os datos sobre unha identificación propia, só galega ou fundamentalmente galega, son máis complexos que analizar.

O PP queda moi lonxe da maioría absoluta, con 35 escanos: non existe esa manifestación silenciosa do primeiro de marzo da que fala Feijoo. Tampouco existiría un bipartito, senón (probablemente) un goberno de coalición ampla: galeguista, socialista, nacionalista, ecoloxista. Sorpréndeme a presenza da extrema dereita fronte a ausencia do independentismo. En todo caso, a foto sen filtros queda tal que así:

 

parlamento galego proporcional

O septuaxésimo primeiro queda vacante, porque, en número de votos, o voto en branco é a cuarta forza política do noso país....

 

 

monxas
Non sei de quen é esta foto. Unha mágoa.

 

16/12/2009 GMT 1

Que neve ou que non

fumador @ 23:56

Galiza é unha nación!!!

Deixo a ligazón a Meteogalicia aquí.

11/12/2009 GMT 1

De obras

fumador @ 11:35

pero aqui deixo algo moi interesante:

20/11/2009 GMT 1

Discernindo entre o touciño e a velocidade

fumador @ 16:52



Hai cousa dun par de meses discutía cun compañeiro de militancia arredor da natura regresiva do goberno Feijoo. El, máis experimentado ca min, afirmaba que estamos ante unha regresión aos peores momentos da época Fraga. Eu, pola contra, mantiña unha posición moito máis azouta. Non estamos perante unha regresión fraguiana, senón que temos diante algo diferente. E moito peor.

Hoxe atopei a proba que me dá a razón.

É moi coñecido que o Tribunal Supremo rexeitou a finais de outubro un recurso sobre sobre a intención que tiña un pai de que o seu fillo fose escolarizado unicamente en español. Todo o mundo interpreta este feito como unha derrota das teses de grupellos como Galicia Bilingüe e un pau moi duro á política do goberno Feijoo, incluíndo a (custosa) consulta aos pais. Pódese ler aquí, aquí, aqui, aquí e aquí.

Por outra parte aquí pódese ler a sentenza do Tribunal Supremo de hai uns días e aqui a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Por motivos persoais tiven que as ler moi polo miúdo e dei cun pequeno detalle que lle pasou por alto a todo o mundo, cando menos aparentemente. Tentarei explicarme:

A sentenza do Supremo é do 21 de outubro de 2009 e fai referencia a outra anterior.

A sentenza do Superior é do 21 de novembro de 2007 e resolve un recurso anterior contencioso-administrativo.

 

 splash1-kevin-van-aelst.jpg

Aquí teño que facer un inciso. Cando unha administración pública toma unha decisión, esta pódese recorrer dentro da administración ata o recurso de alzada. Se isto non funciona, pódese recorrer á vía xudicial contencioso-administrativa que é sempre a segunda fase. A primeira fase sempre é a administrativa.

 

 

O recurso contencioso (xudicial) discutía a resolución dun recurso de alzada (administrativo) que a súa vez cuestionaba unha resolución anterior. E dicir, que hai unha cadea de petición – resolución en contra – recurso que se repite tres veces. Mais..., de cando era a primeira petición?

Todo o mundo asumiu e asume que esta petición cargaba contra o decreto do bipartito, pero...

 

Aquí teño que facer outro inciso. Asociacións do tipo AGLI, ou Tan gallego... ou Galicia Bilingüe, entre outras, están, cando menos inspiradas e apoiadas por militantes do PP, non podería asegurar até que extremos. Cando menos, a FAES é o autor intelectual desta involución lingüística. O pai que facía a petición estaba na órbita de AGLI. De feito, a sentenza do Tribunal Supremo reflicte que o recurso de casación, como parte da súa alegación, fai referencia a unha carta que esa asociación lle mandara ao Defensor do Pobo.

 splash2-kevin-van-aelst.jpg

 

Na sentenza do Tribunal Superior, na súa exposición de motivos rexístrase que a primeira petición é do 4 de xaneiro de 2007.

O decreto do goberno de coalición, o do 50%,  é do 28 de xuño de 2007. Este pai estaba cuestionando o decreto anterior, o decreto 247/1995, para entendernos, O PP DE FEIJOO AVALOU UN RECURSO ANTE O TRIBUNAL SUPREMO CONTRA UN DECRETO DE FRAGA. Estamos ou non estamos diante dun PP diferente?

 

A maiores, ocorrénseme unha chea de ramificacións deste feito, pero iso é outra historia...

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis