Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

Categoría: Ciencia

15/11/2009 GMT 1

3 días de impostura

fumador @ 20:18

Cada vez que se estrea unha longametraxe cuxa trama consiste nun, máis ou menos elaborado, desastre apocalíptico, a min atácame un fastío esgotador. Hai clásicos que paga a pena ver varias veces, mais as producións actuais son, basicamente, calcos de tramas anteriores, refritos cun orzamento para efectos visuais moi alargado e pouco máis. De entre os tipos de desastres, un dos que máis atemoriza consiste nun impacto dun meteorito inmenso que destrúe a especie humana. Supoño que existe certa consciencia de que isto mesmo puido ocorrer cos dinosauros, elemento fundamental.

Curiosamente, este é un tipo de desastre con pouca base, debido a que hai contra un milleiro de observatorios astrónomicos na Terra, alén doutros métodos, que poderían detectar unha ameaza desta envergadura. A caricatura grotesca dun freak, comedor de pizza-pepperoni, a escuras, fitando unha ou varias pantallas, chamando asustado co rostro desfigurado polo horror, non é máis que iso, unha caricatura grotesca e hollywoodiense. Non podo asegurar se os costumes da comunidade astronómica son máis ou menos habituais, ou se todos comen comida italiana, ou se as gardas de noite fanse obrigatoriamente en sala a escuras porque non o sei.

Con iso e con todo, con certeza centos ou milleiros de olladas barren o ceo na procura de obxectos de diferente natura. Buratos negros, púlsars, estrelas de todo tipo -desde a superxigantes azuis até as ananas vermellas-, sistemas planetarios, planetas, lúas e meteoros. Non confesa, hai unha arela por atopar un planeta con características semellantes ao noso que propicio o achado dun conxunto de mundos estraños e marabillosos: os planetas carbono, os xigantes gasosos, as superterras...

De entre todos estes obxectos, despertan en min unha sensación rara os planemos. Un planemo é un planeta sen estrela que orbitar, xa que, ao formarse o seu sistema solar, saíu del despedido pola forza centrífuga ou por dar un croque estelar cun segundo planeta. Os planemos son rochas escuras, que vagan polo universo sen unha ruta definida, que, aínda que quizais puideren ser cativados pola forza gravitacional dunha estrela, vense na obriga de se valer a si mesmos, en soidade, quizais coa axuda das lúas que o poidan acompañar ao longo do espazo.

Quizais haxa un planemo o suficientemente grande como para poder manter arredor de si propio unha atmosfera estábel. Quizais posúa un núcleo incandescente grande de abondo como para manter unha temperatura constante. Quizais xurdise certa combinación de gases, convenientemente licuados e ligados. Quizais algo se mova na súa cortiza...

A resposta ha de dárnola a ciencia, unha ciencia sen máis ataduras que a súa propia razón e o límite da razón.

 

moon-earth-1968.jpg

Esta é unha fotografía da Terra tomada desde a Lúa en 1968.

 

 

31/10/2008 GMT 1

Vermello, azul, verde.

fumador @ 21:14

Leo na prensa escrita que a cor que máis atrae sexualmente aos homes (pero non ás mulleres) é o vermello. Cada día dubido máis deste tipo de estudos “científicos”. Mellor: poño en cuestión a forma en que se divulgan estas investigacións científicas.

Imaxino que non hai condicionamentos biológicos nesta preferencia polo vermello. O quid da cuestión é que é a cor con menor presenza na natureza. Unha paisaxe usual apenas ten esa cor; polo menos nas latitudes en que se fan este tipo de investigacións ou na latitude en que escribo.

Os seres humanos somos moi estraños. Non sabemos o que queremos ou, queremos ter todo. É unha forma inconsciente de cobiza.

Pola arista A, amamos a simetría, os trazos exactos e definidos. Reconciliámonos con nós mesmos cando nos reconciliamos coa natureza. Recoñecemos a simetría da matemática fractal, que regulariza a estrutura profunda de moitos fenómenos naturais que aparentemente son un caos.

Pola arista B, temos moita curiosidade por todo aquilo que é irregular, polo estraño, polo sorprendente. É unha pulsión tan forte que, por exemplo, apreciamos nas persoas os seus pequenos defectos porque rompen a simetría. Por iso o vermello, tan irregular, tan estraño, tan insólito, tan pouco natural, é tan atraínte.

Se a herba torna vermella, ou o ceo volver vermello, debeceriamos polo azul ou polo verde.

Gústame este blogue

Segundo My Heritage, parézome a este, a este, a este, e a esta tamén... Agradezo a ligazón a un e a outra, pero algo non funciona no trebello.

López-Chavez, I. Volveu a facer das súas no Parlamento. Bieito Lobeira estivo acertadísimo cando o expulsou da comisión de cultura.

Aínda non tiven tempo de ler o que escribiu XXX

Descubrín que o tema principal de Paris-Texas é unha versión dun country blues anterior, máis suave.

Música de fondo: unha ténue melodía de (Olvido Gara). O DJ está inspirado...

timothy-saccenti.JPG

{Timothy Saccenti é un fotografo especializado en fotografar músicos. Penso que ten cousas máis potencia estética}

12/09/2008 GMT 1

Cuestión de estilo

fumador @ 13:18

Logo de retornar do longo período estival (non sempre de descaso), atópome con que a lingua volve ser motivo de polémica. Grazas a chuza descubro que, segundo un artigo nunha revista científica, as persoas bilingües teñen máis posibilidades de seren tatexas.

Non, non é un problema de chuza, senón do editor dun xornal que publica a nova. Realmente, non sei en que pensan algúns xefes de redacción. Este, polo menos debería ter  seguidos as indicacións do Libro de Estilo de El Mundo (tan bo como o de El País, pero coa mesma fortuna) e ter contrastado a nova.

O certo é que, logo de consultar os sumarios deste ano na web da revista en cuestión , non aparece o artigo que fala deste tema. É realmente escandaloso. Eu, por deformación profesional, teño o costume de consultar sempre as fontes, especialmente cando tratan de temas relacionados coa Lingüística.

Por outra parte, a redacción do artigo xa da pé a pensar mal porque:

1º Quen se responsabiliza é unha persoa chamada Nuria Baena, pero non se indica de onde tirou a información. Non vén nin dunha axencia, nin da redacción. Ademais, está situado na sección de saúde e non na de ciencia. Isto é moi sospeitoso.

2º Emprega como fonte unha revista de investigación médica especializada. Este tipo de publicacións teñen unha distribución reducida e para especialistas e son moi pouco adecuadas para a divulgación. A diferenza entre as publicacións especializadas e as de divulgación é básica, de primeiro de Documentación e Biblioteconomía.

3º O titular céntrase no aspecto do bilingüismo, cando no propio corpo do artigo, hai datos máis efectistas, como que os homes son catro veces máis tatexos que as mulleres. Por outra, tamén podían contrastar a noticia con outras fontes científicas, como a Universidade de Vigo, por exemplo.

4º Extrapola (ou pretende extrapolar) un estudo en Londres feito no seo de comunidades de inmigrantes ao caso das comunidades lingüísticas con linguas en contacto, como as nacións sen estado.

5º Non cita ás autoras (ou autores) do artigo (será porque non existe, eu, polo menos, sigo sen atopalo!!!).

6º A estas alturas da película, xa sabemos onde lle manca o zapato a El Mundo.

Ou non?

Bilinguísmos

(Xa sei que a foto non ten nada que ver co texto, pero paréceme dunha grande beleza estética)

18/06/2008 GMT 1

Worm hole

fumador @ 09:10

Hai un par de días estiven a ver un documental de divulgación científica sobre como sería unha nave extraterrestre e como poderíamos reproducila. A conclusión da reportaxe é que, neste momento, a humanidade ten coñecementos teóricos para poder viaxar a outros lugares do universo.

O motor desa hipotética nave funcionaría sobre os principios da física do século XX baseados na teoría da relatividade. O que vén a dicir Einstein é que o espazo e o tempo son mesma cousa, algo así como un colchón dunha cama. Que ocorre cando me deito na cama? Que o colchón afunde. Do mesmo xeito ocorre con contínuum espacio-temporal, unha masa pode curvalo:

Curvatura espazo-temporal

 

 

 

 

 

Cando unha masa chega a ser suficientemente grande non só "afunde" o continuum espazo-tempo, senón que crea ao seu redor un campo gravitacional tan forte que nin tan sequera a luz pode escapar del. Aparece unha rexión escura no universo, un buraco negro solitario.

Se imaxino que o universo é un folio, podería facer que esquinas opostas se tocasen só con dobralo.O mesmo podería facer co universo. Como? Moi simple.

Para ligar os dous planos só se necesita dúas masas suficientemente grande para que os seus campos gravitacionais se confundan e que se xere un wormhole.

Buraco de verme - wormhole 

 Un buraco de miñoca é, esencialmente, unha ponte entre dous puntos afastadísimos do universo. Ademais, dado que o espazo e o tempo veñen sendo unha mesma cousa unha mesma cousa, non só sería posíbel viaxar de aquí a outras galaxias, senón de agora a outros tempos.

Animación buraco de verme

Ligar cousas que non teñen unha ligazón paréceme fascinante. Buscar os vincallos acubillados do universo é unha tarefa aglaiante. Pregúntome se podemos achar outros buracos-vencello máis próximos. Non é máis que dobrar unha folla de papel para facer que se toquen ou seus extremos.

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis