Eu teño días...
Xa sei que o tema desta semana é a toma de posesión de Obama. Remítome ao que afirma o profesor Navarro (tan deostado e vituperado por algúns) e cuxas ideas son, esencialmente, as expón no artigo "A administración Obama".
Hoxe quero falar de algo moito máis intrascendente.
Debo recoñecer que por máis que visualizo este spot electoral, non me acaba de gustar. Creo que a idea é boa, pero a realización é un chisco ruín.
Por unha parte creo que foi acertado tirar desa referencia cultural. Creo que a rebelión de escravos (e escravas) que liderou Espartaco é un fito da historia europea no que debemos reparar porque amosa o inxusto dunha época que temos mitificada. A república da antiga Roma era unha sociedade inxusta, fundamentada da explotación das persoas, a súa gloria baseábase na trata de seres humanos. Non debemos perder isto de vista. Cada césar tiña á súa disposición a vida de centos de persoas.
A conexión entre o tracio e o nacionalismo galego, ademais, non é nova. Podemos rastrexar referencias a este acontecemento desde principios do século XX. Lembro un artigo que aparecen n’A Nosa Terra en 1907 máis ou menos. O nacionalismo leva no seu código xenético a loita pola xustiza social.
Agora ben, creo que a versión non é afortunada. Eu non poría a un guichiño vestido de romano para logo aparecer o Quin e outra xente con roupas actuais. Isto non é coherente, mesmo queda un pouco ridículo (bardante opcións brechtianas). Porque non por ao romano vestido con traxe e gravata desde o principio?
Por fortuna, a rede, que está a funcionar cada día máis como un suxeito colectivo, elaborou unha alternativa. Apareceu unha versión do vídeo que toma as imaxes do filme que dirixiu Kubrick (visualmente coherentes) e o son (que tamén é coherente) que ten moito de retranca. Ao igual que Imeneo, penso que é máis orixinal que o primeiro:
O BNG, pola súa xénese, fuxiu da mercadotecnia electoral en base aos seus valores, pero vese obrigado a empregala e, claro, deu paus de cego durante anos e aínda renxe. Con todo e con isto, penso que asumiu con relativa rapidez a necesidade de integrar o seu ideario e discurso, a súa imaxe tradicional e as técnicas publicitarias e faino con relativo acerto.
Unha cousa máis. Será o éxito deste anuncio un anticipo dun éxito electoral?
***
Alicia no país das das marabillas, por Drew Gardner

Chúzao
del.icio.us


