Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

Categoría: Ensino

04/05/2009 GMT 1

Alberto Núñez Feixóo elimina profesores

fumador @ 20:24


A decisión de non convocar prazas de profesores ao ensino secundario (institutos, escolas de idiomas, conservatorios de música, etc…) que hoxe anunciou o PP nunha reunión cos sindicatos non pode ser máis funesta.

É funesta porque furta a posibilidade de milleiros de profesionais de estabilizar a súa vida (laboral). É funesta porque condena á precariedade laboral a moitos profesores e profesoras, (con algúns deles e, sobre todo delas, compartín aulas). Tamén é funesta porque quen vai ser directamente prexudicado é o estudantado, que nos casos en que for necesario, non terán un ou unha docente á súa disposición. O PP está promovendo a ignorancia social.

Así é todo, é funesta por que é profundamente ideolóxica, aínda que afirmen que se trata dunha decisión técnica. O abandono do PP polo público móstrase nestas decisións. Esta determinación é un síntoma desa enfermidade que nos ameaza que é o (neo)liberalismo. E non só é unha resolución funesta e ideolóxica, senón que tamén ten un marcado papel estratéxico. É unha proposta-noiro ao uso. Preséntase unha idea que aparentemente non ten moita importancia, pero que, unha vez asumida, cáese por un talude que nos leva a un abismo.

O primeiro paso é reducir o número de profesorado (este ano non xubila ningún, ou que?). Isto permite dúas cousas a) reducir o gasto en persoal nos próximos orzamentos para o ano que vén e b) criticar o sistema de ensino público por ineficiente  –logo de seren eles mesmos os que provocan unha situación de precariedade. Con estes dous elementos xa temos unha xustificación para derivar fondos ao ensino privado a través do sistema de cheques escolares. Non sé é funesto. É perverso.

O PP estase portando con nós como un pai estrito que lle quita a comida do prato á súa filliña e logo rífalle por ser anoréxica.

 Jack Radcliffe ten un estilo de seu. Noutra das series fotografou á súa filla durante 27 anos. Eu prefiro estoutra.

 

jack-radcliffe.JPG

26/09/2008 GMT 1

Quen está detrás de ... ?

fumador @ 17:03

Fálase do ensino, do ensino público. Aparecen moreas de novas nos medios de comunicación. Sempre falan do mesmo, aínda que non o aparente. A día de hoxe é tan constante que case estamos acostumados; en todo isto hai algo, porén, que me fai non parar quedo. Esta dinámica poliédrica, este ataque en varios frontes é o mesmo e un único.

Dunha banda, fálase da lingua vehicular no ensino, da utilización presuntamente baixo coerción do galego, de porcentaxes, do ensino do inglés; da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos.

Por outra parte, fálase dos contidos, dos valores que se transmiten, do currículo, oculto ou non, do adoutrinamento neo-soviético, de que a formación moral e ética é un asunto familiar; da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos.

Fálase, tamén, do financiamento do ensino, dos orzamentos, das contas de gastos, dos custes do libros, do estipendio económico, de cheques escolares; da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos.

Aparentemente, todos estes ataques defenden un dereito, o da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos, que, en principio, é “de sentido común”. Aquí esta a trampa: emprégase unha palabra connotada positivamente “liberdade” e que ninguén discute para introducir canda ela propostas cun nesgo marcadamente reaccionario: o lingüicidio do galego, o ensino acrítico, a privatización do ensino…

Afírmase un valor, a “liberdade”, máis deféndense intereses económicos. Fago o sumatorio de todas as propostas: un ensino desigual, fraccionado, segregado; un ensino de elite para segmentos reducidos da sociedade; un ensino que transmita uns valores morais tradicionais e unha ideoloxía reaccionaria; un ensino privatizado subvencionado con cargo a fondos públicos. O modelo de ensino neoliberal.

Cando sinto falar do “dereito da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos” penso en quen sae gañando economicamente. Os colexios relixiosos, algúns medios de comunicación, algunhas editoriais, algunha formación política concreta. E quen defende o “dereito da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos”? A igrexa, grupos de comunicación, e os seareiros de consignas.

Fronte ao “dereito da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos” eu defendo o dereito das nenas e dos nenos a teren unha educación que os prepare para ser persoas adultas responsábeis, con madurez emocional e cuns valores éticos sólidos; defendo un modelo de ensino que forme persoas realmente libres e conscientes da súa realidade propia. Un modelo de ensino social.

E só hai dous lados nesta barricada.

Retrato by chris anthony

{A fotografía, que tampouco ten nada que ver co artigo (ou si?), fixona Chris Anthony, un fotógrafo sueco afincado en California, e pertence a súa colección de retratos. De ollardes a súa web, decatariádesvos  de que Tim Burton é bastante light}

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis