Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

Categoría: Involución Neoliberal

20/11/2009 GMT 1

Discernindo entre o touciño e a velocidade

fumador @ 16:52



Hai cousa dun par de meses discutía cun compañeiro de militancia arredor da natura regresiva do goberno Feijoo. El, máis experimentado ca min, afirmaba que estamos ante unha regresión aos peores momentos da época Fraga. Eu, pola contra, mantiña unha posición moito máis azouta. Non estamos perante unha regresión fraguiana, senón que temos diante algo diferente. E moito peor.

Hoxe atopei a proba que me dá a razón.

É moi coñecido que o Tribunal Supremo rexeitou a finais de outubro un recurso sobre sobre a intención que tiña un pai de que o seu fillo fose escolarizado unicamente en español. Todo o mundo interpreta este feito como unha derrota das teses de grupellos como Galicia Bilingüe e un pau moi duro á política do goberno Feijoo, incluíndo a (custosa) consulta aos pais. Pódese ler aquí, aquí, aqui, aquí e aquí.

Por outra parte aquí pódese ler a sentenza do Tribunal Supremo de hai uns días e aqui a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Por motivos persoais tiven que as ler moi polo miúdo e dei cun pequeno detalle que lle pasou por alto a todo o mundo, cando menos aparentemente. Tentarei explicarme:

A sentenza do Supremo é do 21 de outubro de 2009 e fai referencia a outra anterior.

A sentenza do Superior é do 21 de novembro de 2007 e resolve un recurso anterior contencioso-administrativo.

 

 splash1-kevin-van-aelst.jpg

Aquí teño que facer un inciso. Cando unha administración pública toma unha decisión, esta pódese recorrer dentro da administración ata o recurso de alzada. Se isto non funciona, pódese recorrer á vía xudicial contencioso-administrativa que é sempre a segunda fase. A primeira fase sempre é a administrativa.

 

 

O recurso contencioso (xudicial) discutía a resolución dun recurso de alzada (administrativo) que a súa vez cuestionaba unha resolución anterior. E dicir, que hai unha cadea de petición – resolución en contra – recurso que se repite tres veces. Mais..., de cando era a primeira petición?

Todo o mundo asumiu e asume que esta petición cargaba contra o decreto do bipartito, pero...

 

Aquí teño que facer outro inciso. Asociacións do tipo AGLI, ou Tan gallego... ou Galicia Bilingüe, entre outras, están, cando menos inspiradas e apoiadas por militantes do PP, non podería asegurar até que extremos. Cando menos, a FAES é o autor intelectual desta involución lingüística. O pai que facía a petición estaba na órbita de AGLI. De feito, a sentenza do Tribunal Supremo reflicte que o recurso de casación, como parte da súa alegación, fai referencia a unha carta que esa asociación lle mandara ao Defensor do Pobo.

 splash2-kevin-van-aelst.jpg

 

Na sentenza do Tribunal Superior, na súa exposición de motivos rexístrase que a primeira petición é do 4 de xaneiro de 2007.

O decreto do goberno de coalición, o do 50%,  é do 28 de xuño de 2007. Este pai estaba cuestionando o decreto anterior, o decreto 247/1995, para entendernos, O PP DE FEIJOO AVALOU UN RECURSO ANTE O TRIBUNAL SUPREMO CONTRA UN DECRETO DE FRAGA. Estamos ou non estamos diante dun PP diferente?

 

A maiores, ocorrénseme unha chea de ramificacións deste feito, pero iso é outra historia...

21/09/2009 GMT 1

Apostila

fumador @ 20:27

Hai unha semana declarei que non ía volver escribir de temas actuais. E non o farei, aínda que me custe moito por estaren moitos dos meus intereses teñan voga no debate público.

Marquei adrede o termo clase media. Cada día convénzome máis de que a estratificación social en capas esta completamente nesgadaQue é o que se entende por clases medias? Non hai acordo sobre este punto. Por nivel de ingresos, é unha categoría relativa dentro dun sistema socieconómico. Unha persoa cun determinado nivel de renda dun país pertence a un segmento social, mais ese mesmo nivel de renda noutro país faino encadrar noutra clase social.

Así e todo, o fenómeno máis curioso que se pode atopar é que a autopercepción tende a converxer nos segmentos medios da escala. A gráfica foi realizada en Arxentina antes do corralito, pero creo que se pode extrapolar a calquera sociedade occidental.

 

clase-media-argentina1.jpg

Non me lembro onde lin que a forma das preguntas das enquisas coadxuva a perfilar o tipo de respostas. De facer unha pregunta cualificadora no canto dunha estratificadora, os resultados son diferentes. Imaxinemos a seguinte pregunta:

“Pertence vostede á clase…

Alta

Medio alta

Media

Media-baixa

Baixa

 

 

 

 

?”

Ou

“Pertence vostede á clase...

Empresarial

Profesión liberal

Traballo por conta propia

Traballadora (con cualificación)

Traballadora (sen cualificación)

Baixa

 

 

 

 

?”

 

Ligando coa nota sobre o ensino, os mesmos que fan os inquéritos artellándoos interesadamente, os mesmos que publican eses resultados nesgados son os mesmos que posúen cadeas de centros de ensino privado e que achegan apoio a proxectos políticos que favorecen aos seus intereses (por exemplo, a Igrexa Católica).

 helga-steppan.JPG

Helga Steppan

13/09/2009 GMT 1

A guerra na escola

fumador @ 19:55

Logo do período de descanso destes meses, retomo a escritura. Así e todo, decateime, de que o proxecto orixinal deste blogue non ten moito sentido, porque hai unha chea de bitácoras que escriben moito e con moito tino sobre a actualidade política. Xa que logo vou renunciar a escribir sobre actualidade. Que escriban outras.

E vouno empezar a facer a partir da semana que vén. Hoxe, por causas das miñas teimas persoais, quérome referir á situación no ensino, ollo de furacán dos acontecementos desta semana, de primeiras planas, punto na orde do traballo do pleno do Parlamento. Hai unha guerra na escola. Mais esta non é A guerra na escola que describe Pennac, senón que é outra distinta.

Esta semana puidemos ver publicadas na prensa referencias sobre moitos temas relacionados co mundo do ensino. A lingua, o sistema de financiamento, o novo sistema de gratuidade dos libros de textos, o transporte escolar, a falta de prazas de profesorado, as deficiencias canto a infraestruturas, o tratamento da inmigración, a educación cívica, a segregación por sexo, e un longo etcétera. Todo remata, ao cabo, no vitimismo do goberno, que acusa á oposición de montar unha campaña de desgaste na guerra da escola.

Nada máis lonxe da realidade. Os diferentes problemas no ámbito educativo que ten que afrontar o goberno galego son produto da súa propia política.

Para o sector que dirixe o PP a escola é unha fronte de batalla fundamental onde estender a súa ideoloxía. Cada conflito que abre (e cada resposta social que implica) vén derivado dunha concepción ideolóxica do ensino, unha concepción complexa, coherente, completa e profundamente perversa. Esta idea reaccionaria é a que impulsa unha guerra a grande escala.

A involución liberal, como un lobo vestido con pel de ovella, fala de liberdade de ensino, de liberdade de escolla; pero isto  non é máis que unha manipulación da linguaxe. O que quere dicir a súa palabrería é que ten que haber dous sistemas educativos. A primeira rede, de xestión e de beneficios privados (fundamentalmente en mans da Igrexa católica), pero subvencionado con fondos públicos está destinado para os bos nenos, obedientes e disciplinados e procedentes de familias de clase media. A segunda rede, pública, está destinada aos residuos sociais: inadaptados, delincuentes, diminuídos, inmigrantes, desobedientes, os fillos e as fillas de clase traballadora. Conquistar esta posición e mantela é o seu obxectivo principal.

Empregan unha técnica moi simple, moi estudada e de probada eficacia. Crean e financian grupos reducidos e moi fanáticos que serven de punta de lanza. Danlles proxección pública nos medios de comunicacións afíns para que provoquen barullo e confusión cun discurso falso e demagóxico. Nun estado de desconcerto xeneralizalo toman iniciativas que camiñan cara o obxectivo final. O exemplo de Galicia Bilingüe é o exemplo paradigmático.

Empezas propugnando a liberdade de elección da lingua e acabas pegándolle aos nenos e ás nenas que falen galego. É a estratexia da pendente.

O discurso do PP sobre a escola non vai para aquí. Continuarán con outras propostas como, por exemplo, reimplantar os castigos corporais, eliminar a presenza da lingua galega e de todo que teña relación coa realidade galega no ensino concertado e logo na pública, implantar o creacionismo en clases de ciencias naturais, a segregación por capacidades físicas e mentais e por orixe étnica. As desigualdades, a discriminación, o machismo e o racismo forma parte do ADN do liberalismo neocón, pero (aínda) non se atreven a expresalo.

 

 

nikki-graziano.JPG
Curioso proxecto da fotógrafa e matemática neoiorquina Nikki Graziano.

 

 

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis