Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

Categoría: medios de comunicación

21/09/2009 GMT 1

Apostila

fumador @ 20:27

Hai unha semana declarei que non ía volver escribir de temas actuais. E non o farei, aínda que me custe moito por estaren moitos dos meus intereses teñan voga no debate público.

Marquei adrede o termo clase media. Cada día convénzome máis de que a estratificación social en capas esta completamente nesgadaQue é o que se entende por clases medias? Non hai acordo sobre este punto. Por nivel de ingresos, é unha categoría relativa dentro dun sistema socieconómico. Unha persoa cun determinado nivel de renda dun país pertence a un segmento social, mais ese mesmo nivel de renda noutro país faino encadrar noutra clase social.

Así e todo, o fenómeno máis curioso que se pode atopar é que a autopercepción tende a converxer nos segmentos medios da escala. A gráfica foi realizada en Arxentina antes do corralito, pero creo que se pode extrapolar a calquera sociedade occidental.

 

clase-media-argentina1.jpg

Non me lembro onde lin que a forma das preguntas das enquisas coadxuva a perfilar o tipo de respostas. De facer unha pregunta cualificadora no canto dunha estratificadora, os resultados son diferentes. Imaxinemos a seguinte pregunta:

“Pertence vostede á clase…

Alta

Medio alta

Media

Media-baixa

Baixa

 

 

 

 

?”

Ou

“Pertence vostede á clase...

Empresarial

Profesión liberal

Traballo por conta propia

Traballadora (con cualificación)

Traballadora (sen cualificación)

Baixa

 

 

 

 

?”

 

Ligando coa nota sobre o ensino, os mesmos que fan os inquéritos artellándoos interesadamente, os mesmos que publican eses resultados nesgados son os mesmos que posúen cadeas de centros de ensino privado e que achegan apoio a proxectos políticos que favorecen aos seus intereses (por exemplo, a Igrexa Católica).

 helga-steppan.JPG

Helga Steppan

24/10/2008 GMT 1

A 3 ou 4 voces

fumador @ 15:05

Leo na prensa escrita unha nova sobre unha enquisa feita a través de internet sobre unha ordenanza municipal.

 

Reflexiono sobre a votación ao conxunto dos orzamentos xerais do estado. O esencial, para o que nos toca, é que, logo dunha negociación, o BNG conseguiu 125 millóns de euros máis que o ano pasado.

 

Sinto falar das sinaturas que presentou unha entidade sen ánimo de lucro na Consellaría de Educación para que os pais e as nais poidan escoller a lingua que debe ser empregada cos seus fillos.

Segundo esta información, o 82% das persoas que a responderon están en contra de que o concello poida facerse cargo dos edificios ruinosos ou medio construídos.

 

Isto significa que cada un dos dous deputados, exactamente, do deputado e da deputada, achegan 65 millóns e medio cada un. O conxunto do PP non consegue nada e o PSOE, con Antón Louro á cabeza, non sabe nin contesta.

O número total de sinaturas é 2000. Esta cifra supón aproximadamente o 0’55% do total dos pais e nais en Galiza. Aínda que hai que ser respectuoso co este  tipo de colectivos, e co seu apoio social, o PP debería pensar a quen ampara.

Resístome a pensar que só o un de cada 5 persoas acrediten na necesidade de recuperar os cascos vellos das nosas cidades.

Chámame a atención que os medios de comunicación pasen con pés de la sobre este feito, agradecen coa boca pequena o esforzo nacionalista, pero non din nada do papel das outras persoas que tamén nos representan. As forzas políticas non nacionalistas son inútiles para nós desde esta perspectiva. Engado que hai exemplos de valentía política noutras latitudes…

(Descoñezo o número de sinaturas que é capaz de recoller A Mesa nun día, pero creo que é algo máis dese guarismo…)

 

Descarto unha conspiración de construtoras e promotoras.

Con todo, eu xa me sabía esta lección. Asumindo os seus puntos febles, que os ten, o nacionalismo supón progreso real para nós. As persoas que aínda non recoñecen este feito deberían reflexionar.

A min, por outra parte, paréceme estupendo que o PP apoie este tipo de colectivos anti-galegos, de talibáns lingüicidas.

 

 

Este tipo de enquisas por internet son unha merda.

Aínda están a tempo.

O pobo galego debe ter claro qué vota.

 vaqueiro de medianoite

{Espectacular o papel de López-Chávez, I. no pleno do Parlamento Galego esta semana. Pasará á historia, como The Lord of the little threads, como noutrora Fraganator... Outra obra mestra de Puag! Productions}

19/09/2008 GMT 1

Capitalismo e cultura

fumador @ 13:07

Alberte Mera publicou un post no seu blog sobre un artigo de opinión de Mario Vargas Llosa. Este simpatizante dun partido de ultradeireita con representación nas Cortes de Madrid disertaba sobre a comenencia ou non de que o estado interveña no mercado cultural. Con efecto, para el a cultura tamén é mercado, e polo tanto, tamén debe estar suxeita á lei da oferta e da demanda.

Este afamado escritor, aspirante aínda ao premio Nóbel de Literatura, sintetiza as posturas que defenden a oportunidade de facer unha excepción coa cultura. Segundo, este ex-alumno da Universidad Nacional Mayor de San Marcos, hai dúas posicións: A) Os produtos culturais deben ser separados dos outros porque, de non o ser, o resultado é que os consumidores prefiren aqueles de pero calidade. É dicir, que preferimos ver Spiderman III que Elegy de Isabel Coixet. B) A cultura é un trazo nada fulcral da identidade individual e colectiva, polo que hai que protexela de invasións culturais externas. Calquera destas premisas implica que o Estado debe intervir activamente na cultura. Todo o artigo de LLosa está focado a desmontar este siloxismo.

A argumentación de Llosa vén desembocar nestas ideas: O intervencionismo cultura é despotismo ilustrado (e un gradiente de totalitarismo) porque será un corpo de burócratas os que determinan que é o que se debe promover. Basear esta selección sobre a identidade cultura é unha especie de crime porque as grandes obras da literatura son universais, polo que a intervención cultural extermina a calidade. Ademais, nesta época de globalización, ten moi pouco sentido manter conceptos como a identidade cultural. A intervención implica a censura e el defende a liberdade.

A min dáme moita mágoa descubrir que hai persoas que pensan que somos libres, porque non somos completamente libres. A anticuada noción da liberdade que defende Llosa caeu polo seu propio peso ao longo do século XIX. Marx demostrou que a nosa liberdade está subordinada á nosa clase social. Mendel e Darwin demostraron que a nosa liberdade está subordinada á natureza. Freud demostrou que a nosa liberdade está subordinada á nosa propia irracionalidade. O feminismo demostrou que a nosa liberdade está subordinada ao noso xénero. O nacionalismo (no sentido primixenio, emancipador) demostrou que a nosa liberdade está subordinada á nosa pertenza a unha nación. Somos libres, pero con condicionantes.

Para actual como se fosemos libres debemos ser conscientes das nosas limitación. Isto é algo que esquece, interesadamente, Llosa. Cando imos ver un filme debemos ser conscientes de que a carteleira responde aos plans dunha ou de varias multinacionais que limitan a nosa capacidade de elección. Debemos ser conscientes de que unha multinacional ten unha capacidade de condicionarnos inmensamente maior que un estudo independente.

Esqueceu Llosa que existe unha ciencia que consiste en condicionar o noso comportamento, o márketing?

***

 

natalie-dylan-howard-stern2.jpg

(Continúo a poñer fotos que non teñen que ver co post. Ela é Natalie Dylan, a muller que vende a súa virxindade para pagarse o 2º ciclo da carreira. O fondo é o prostíbulo onde xa traballa a súa irmá, coa mesma finalidade. Este non é o primeiro caso. A Mario Vargas Llosa encantaralle tanta liberdade)

12/09/2008 GMT 1

Cuestión de estilo

fumador @ 13:18

Logo de retornar do longo período estival (non sempre de descaso), atópome con que a lingua volve ser motivo de polémica. Grazas a chuza descubro que, segundo un artigo nunha revista científica, as persoas bilingües teñen máis posibilidades de seren tatexas.

Non, non é un problema de chuza, senón do editor dun xornal que publica a nova. Realmente, non sei en que pensan algúns xefes de redacción. Este, polo menos debería ter  seguidos as indicacións do Libro de Estilo de El Mundo (tan bo como o de El País, pero coa mesma fortuna) e ter contrastado a nova.

O certo é que, logo de consultar os sumarios deste ano na web da revista en cuestión , non aparece o artigo que fala deste tema. É realmente escandaloso. Eu, por deformación profesional, teño o costume de consultar sempre as fontes, especialmente cando tratan de temas relacionados coa Lingüística.

Por outra parte, a redacción do artigo xa da pé a pensar mal porque:

1º Quen se responsabiliza é unha persoa chamada Nuria Baena, pero non se indica de onde tirou a información. Non vén nin dunha axencia, nin da redacción. Ademais, está situado na sección de saúde e non na de ciencia. Isto é moi sospeitoso.

2º Emprega como fonte unha revista de investigación médica especializada. Este tipo de publicacións teñen unha distribución reducida e para especialistas e son moi pouco adecuadas para a divulgación. A diferenza entre as publicacións especializadas e as de divulgación é básica, de primeiro de Documentación e Biblioteconomía.

3º O titular céntrase no aspecto do bilingüismo, cando no propio corpo do artigo, hai datos máis efectistas, como que os homes son catro veces máis tatexos que as mulleres. Por outra, tamén podían contrastar a noticia con outras fontes científicas, como a Universidade de Vigo, por exemplo.

4º Extrapola (ou pretende extrapolar) un estudo en Londres feito no seo de comunidades de inmigrantes ao caso das comunidades lingüísticas con linguas en contacto, como as nacións sen estado.

5º Non cita ás autoras (ou autores) do artigo (será porque non existe, eu, polo menos, sigo sen atopalo!!!).

6º A estas alturas da película, xa sabemos onde lle manca o zapato a El Mundo.

Ou non?

Bilinguísmos

(Xa sei que a foto non ten nada que ver co texto, pero paréceme dunha grande beleza estética)

18/05/2008 GMT 1

Prometinme non escribir sobre lingua

fumador @ 21:18

O escándalo quedou sepultado polos grandes medios de comunicación, pero esténdese na arañeira sen freo. Refírome á trasnada que organizou un programa de televisión cuxa liña editorial se articula ao redor da crítica dun determinado modelo de xornalismo. Quizais debería utilizar mellor pseudoxornalismo, para falar con maior propiedade.

A base do xornalismo é a información, mais non calquera información, calquera dato, senón que cómpre distinguir entre información e o resto que non o chegar a ser. Debe ser socialmente relevante e sempre hai que indicar cando as fontes son fidedignas e cando non. Así mesmo, os profesionais da información han esforzarse por confrontar versións diferentes dun mesmo suceso, ou sinalar cal é a versión en que acreditan ou non. A brincadeira á me refería antes evidenciou as carencias de moitos medios, xa que foi obvio que os máis non seguiron este método.

Como se organizou todo isto? É simple de todo. Primeiro créase un colectivo de nome imposíbel e estrafalario (a sigla elixida é ANTITELMA). Logo deséñase unha web rechamante para darlle un pouco de contido, incluíndo un manifesto vacuo. Terceiro, búscase un voceiro para poñerlle unha cara a este colectivo, neste caso foi o actor profesional. Agora ben a segunda fase. Envíase unha circular aos medios ou programas informativos que, en principio, poidan estar interesados na aparición dun colectivo deste tipo ou consideren que é relevante. Esta nunca é unha decisión neutral, pode ser honrada, pero nunca é imparcial. A noticia esténdese de xeito viral. A seguir, organízase unha pequena concentración nun lugar onde é previsíbel o tirón mediático. No momento mesmo da concentración hai persoas que se suman de boa fe á opereta. Os conxurados emitiron unha reportaxe sobre como confabularon esta intriga da obra e demostraron que a prensa rosa ten moi escasa fiabilidade. Dóeme especialmente que a TVG tamén picara.

Prometinme a min mesmo que non ía escribir sobre a lingua precisamente hoxe, pero non podo deixar de facelo. Hai colectivos sociais que demostraron ter relevancia social. Mañá comprobaremos logo se teñen repercusión informativa. En troca, outros, a pesar de estaren apoiados ou seren favorecidos polos grandes medios de comunicación masiva, aínda teñen que demostran se son algo de verdade, ou unha montaxe de mal gusto.

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis