Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

Categoría: PATACA

15/11/2009 GMT 1

3 días de impostura

fumador @ 20:18

Cada vez que se estrea unha longametraxe cuxa trama consiste nun, máis ou menos elaborado, desastre apocalíptico, a min atácame un fastío esgotador. Hai clásicos que paga a pena ver varias veces, mais as producións actuais son, basicamente, calcos de tramas anteriores, refritos cun orzamento para efectos visuais moi alargado e pouco máis. De entre os tipos de desastres, un dos que máis atemoriza consiste nun impacto dun meteorito inmenso que destrúe a especie humana. Supoño que existe certa consciencia de que isto mesmo puido ocorrer cos dinosauros, elemento fundamental.

Curiosamente, este é un tipo de desastre con pouca base, debido a que hai contra un milleiro de observatorios astrónomicos na Terra, alén doutros métodos, que poderían detectar unha ameaza desta envergadura. A caricatura grotesca dun freak, comedor de pizza-pepperoni, a escuras, fitando unha ou varias pantallas, chamando asustado co rostro desfigurado polo horror, non é máis que iso, unha caricatura grotesca e hollywoodiense. Non podo asegurar se os costumes da comunidade astronómica son máis ou menos habituais, ou se todos comen comida italiana, ou se as gardas de noite fanse obrigatoriamente en sala a escuras porque non o sei.

Con iso e con todo, con certeza centos ou milleiros de olladas barren o ceo na procura de obxectos de diferente natura. Buratos negros, púlsars, estrelas de todo tipo -desde a superxigantes azuis até as ananas vermellas-, sistemas planetarios, planetas, lúas e meteoros. Non confesa, hai unha arela por atopar un planeta con características semellantes ao noso que propicio o achado dun conxunto de mundos estraños e marabillosos: os planetas carbono, os xigantes gasosos, as superterras...

De entre todos estes obxectos, despertan en min unha sensación rara os planemos. Un planemo é un planeta sen estrela que orbitar, xa que, ao formarse o seu sistema solar, saíu del despedido pola forza centrífuga ou por dar un croque estelar cun segundo planeta. Os planemos son rochas escuras, que vagan polo universo sen unha ruta definida, que, aínda que quizais puideren ser cativados pola forza gravitacional dunha estrela, vense na obriga de se valer a si mesmos, en soidade, quizais coa axuda das lúas que o poidan acompañar ao longo do espazo.

Quizais haxa un planemo o suficientemente grande como para poder manter arredor de si propio unha atmosfera estábel. Quizais posúa un núcleo incandescente grande de abondo como para manter unha temperatura constante. Quizais xurdise certa combinación de gases, convenientemente licuados e ligados. Quizais algo se mova na súa cortiza...

A resposta ha de dárnola a ciencia, unha ciencia sen máis ataduras que a súa propia razón e o límite da razón.

 

moon-earth-1968.jpg

Esta é unha fotografía da Terra tomada desde a Lúa en 1968.

 

 

04/05/2009 GMT 1

Alberto Núñez Feixóo elimina profesores

fumador @ 20:24


A decisión de non convocar prazas de profesores ao ensino secundario (institutos, escolas de idiomas, conservatorios de música, etc…) que hoxe anunciou o PP nunha reunión cos sindicatos non pode ser máis funesta.

É funesta porque furta a posibilidade de milleiros de profesionais de estabilizar a súa vida (laboral). É funesta porque condena á precariedade laboral a moitos profesores e profesoras, (con algúns deles e, sobre todo delas, compartín aulas). Tamén é funesta porque quen vai ser directamente prexudicado é o estudantado, que nos casos en que for necesario, non terán un ou unha docente á súa disposición. O PP está promovendo a ignorancia social.

Así é todo, é funesta por que é profundamente ideolóxica, aínda que afirmen que se trata dunha decisión técnica. O abandono do PP polo público móstrase nestas decisións. Esta determinación é un síntoma desa enfermidade que nos ameaza que é o (neo)liberalismo. E non só é unha resolución funesta e ideolóxica, senón que tamén ten un marcado papel estratéxico. É unha proposta-noiro ao uso. Preséntase unha idea que aparentemente non ten moita importancia, pero que, unha vez asumida, cáese por un talude que nos leva a un abismo.

O primeiro paso é reducir o número de profesorado (este ano non xubila ningún, ou que?). Isto permite dúas cousas a) reducir o gasto en persoal nos próximos orzamentos para o ano que vén e b) criticar o sistema de ensino público por ineficiente  –logo de seren eles mesmos os que provocan unha situación de precariedade. Con estes dous elementos xa temos unha xustificación para derivar fondos ao ensino privado a través do sistema de cheques escolares. Non sé é funesto. É perverso.

O PP estase portando con nós como un pai estrito que lle quita a comida do prato á súa filliña e logo rífalle por ser anoréxica.

 Jack Radcliffe ten un estilo de seu. Noutra das series fotografou á súa filla durante 27 anos. Eu prefiro estoutra.

 

jack-radcliffe.JPG

27/04/2009 GMT 1

Contos e demais historias

fumador @ 22:02

Releo o discurso de ANF como candidato a Presidente da Xunta de Galiza. Hai dous detalles que me chaman a atención poderosamente. O primeiro, do que sospeito que ten interpretacións máis profundas, é o alto número de incorreccións, grallas, erros ortográficos e léxicos que conten. Unha suma non moi estrita bota como resultado unhas cento dez (110) en 47 páxinas, todas descubertas tras accionar o corrector ortográfico que está incluído do Word de Microsoft (empreguei este programa por ter a maior cota de mercado, pero prefiro o procesador de textos de Open Office, especialmente desde a recente saída de versión 3.0).

O segundo que me chama a atención é a insistencia nunha política fiscal que presenta aséptica, pero que ten moito de ideolóxica. Reducir os impostos é moi tendencioso. ANF presenta propostas con efecto de caída. Son propostas NOIRO. No momento en que aceptamos o axioma principal que está incluído nunha proposta, caemos nunha espiral que nos leva a outras propostas, cada vez máis radicais. Por exemplo, unha das propostas consiste en reducir do 25% ao 20% o Imposto de Sociedades as PEMES. A utilidade desta medida é cuestionábel por dous motivos: a) o prazo no que tería efecto, b) os custes que habería que recortar para compensar esa perda económica pública e c) a capacidade que ten o goberno galego para efectivizala pola configuración política do Estado Español. Estes tres puntos son coñecidos por todo o mundo e non insistirei máis.

Xulgo perverso, iso si, que ANF, xunto con toda a pléiade de conservadores radicais (até algún fascista teñen), tente convencernos de que esta é unha medida positiva. MENOS impostos é MENOS de todo, e non ao revés:

MENOS impostos son MENOS recursos para a administración pública.

 

consecuentemente

 

MENOS impostos son MENOS profesoras e profesores

MENOS impostos son MENOS libros gratuítos

MENOS impostos son MENOS escolas

MENOS impostos son MENOS axudas de transporte

MENOS impostos son MENOS autobuses dos colexios

MENOS impostos son MENOS proxectos de investigación

MENOS impostos son MENOS información e coñecemento

MENOS impostos son MENOS logros tecnolóxicos

MENOS impostos é MENOS saúde

MENOS impostos son MENOS médicas e médicos

MENOS impostos son MENOS enfermeiras e enfermeiros

MENOS impostos son MENOS celadoras e celadores

MENOS impostos son MENOS prazas públicas nas oposicións

MENOS impostos son MENOS libros, películas, obras de teatros…

MENOS impostos son MENOS obras públicas

MENOS impostos son MENOS liñas de bus

MENOS impostos son MENOS liñas de camiños de ferro

MENOS impostos son MENOS estradas

MENOS impostos é MENOS protección do medio ambiente

MENOS impostos é MENOS internet

MENOS impostos son MENOS policías

MENOS impostos son MENOS xuízas e xuíces

 

e podería seguir con outras moitas cousas. Prefiro desenvolver estas ideas

 

MÁIS REBAIXAS FISCAIS é MÁIS fracaso escolar

MÁIS REBAIXAS FISCAIS é MÁIS dependencia do coñecemento exterior

MÁIS REBAIXAS FISCAIS son MÁIS enfermidades

MÁIS REBAIXAS FISCAIS é MÁIS desemprego

MÁIS REBAIXAS FISCAIS é MÁIS incultura

MÁIS REBAIXAS FISCAIS é MÁIS incomunicación

MÁIS REBAIXAS FISCAIS é MÁIS atraso

MÁIS REBAIXAS FISCAIS é MÁIS inseguridade

MÁIS REBAIXAS FISCAIS é MÁIS inxustiza

 

Habería que falar nestes termos cando alguén propón unha rebaixa de impostos.

Este é un conto de fadas baixo a auga de Helena Kalis

conto-de-fadas.JPG

20/04/2009 GMT 1

Volvo á carga

fumador @ 20:00

Este post, co que volvo das vacacións que me tomei, foi escrito pola vella nun momento de descanso ao longo deste fin de semana maratoniano…

Hoxe, 18 de abril, xurou como Presidente da Xunta de Galiza Feixóo. Non se me ocorre mellor data para volver das vacacións que me tomei. Fágoo para reflexionar sobre dous aspectos que me chamaron a atención, dos case apenas se di nada e que considero fundamentais.

O primeiro é o feito de que imos ter un presidente que non está avalado con plenas garantías democráticas que o sentido común e a práctica política aconsellan. Se o axioma principal da democracia consiste en que as decisións que se toman son as da maioría, podemos dicir que esta investidura non é exactamente democrática, porque a opción política que encabeza non obtivo máis votos que a alternativa. A minoría maioritaria popular tradúcese en maioría (mínima) parlamentar a causa dunha lexislación electoral que a favorece sempre.

O segundo é o feito de que a dereita monopolizou a axenda electoral, monopolizou a linguaxe, os termos, os marcos conceptuais. Por exemplo, na lingua fálase de imposición ou non imposición verbo da campaña suxa e baixo corda que fixo o PP, mesmo alimentando grupos violentos. Xa sabemos o siloxismo: se comparten obxectivos, comparten estrutura, non?

Pois ben, isto é o que son en realidade:

 

Shen Wei é un chinés que emigrou a ianquilandia onde estudou na escola de Artes Visuais da cidade de Nova York. “Hair” pertence á serie Chinese Sentiment e, modestamente, cun revelado dixital gañaría moito (fixen a proba). A referencia vénme atravé do blogue  CCCP.

 

hair.JPG


 

19/02/2009 GMT 1

10

fumador @ 12:46


Feijóo reivindícase como inconformista… Quen non é inconformista? Quen se conforma coas súa vida tal e como é actualmente? Coa súa familia, co seu traballo, coas súas afeccións… todo o mundo é inconformista. É parte da condición humana.

A dereita aprendeu a conectar con grandes sectores da populación manipulando a linguaxe. O seu discurso emprega palabras pero cun sentido diferente, encuberto. Para desvelar estes sentidos encubertos hai que realizar varios procesos de desmanipulación lingüística. O primeiro consiste en buscar o significado contrario. Feijóo, e o PP quere, realmente, manifestarse como conformistas, como conservadores, como inimigos do cambio e das innovacións. Queren que todo siga seguise igual.

Comprobade se teño razón.

***

Un concelleiro de Cardiff é investigado por comparar o ensino do galés en escolas infantís coa limpeza étnica. Claro, Rosa Díez non a podemos deter por ser aforada…


***

O presidente do FMI, Dominique Strauss-Khan avoga por limitar o reparto de dividendos, pórlle couto ás prazas off-shore. OU tolelou de todo, ou virou socialdemócrata.

 

En la prensa:
El presidente del FMI, Dominique Strauss-Khan ha hecho un llamamiento para "poner fin a la distribución de dividendos" y ha reclamado el apoyo de los países para "reaccionar con dinamita" contra los paraísos fiscales y despedir a los ejecutivos de las instituciones financieras que han provocado la crisis".
¡Comunista, pedazo de comunista, eso es lo que es!

 

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis