|
Entrevista Realizada A Vicenç Navarro O 15 Novembro 2008 Por Cristina González Sánchez Para Informativos Telecinco.Com
1.Vostede afirmou que a información sobre as eleccións de EEUU centráronse moito na personalidade do candidato vencedor Barack [Hussein] Obama, cales son as causas disto?
Os medios de información tenden a centrarse nas personalidades, esquecendo o contexto político que determina que unhas personalidades teñan maior protagonismo histórico que outras [partir de que son os movementos e non as individualidades que determina os acontecementos históricos é un acerto]. Así, en España, a transición española preséntase erroneamente como resultado do rol de certos personaxes como o Rei, o Presidente Suárez, e outros grandes nomes, sen sinalar que o punto máis importante da transición foi a mobilización popular e moi en especial da clase obreira [si, un socialdemócrata “fetén” tamén fala de clase obreira]. Desde o ano 1974 ata o 1978, España tivo o maior número de folgas políticas que houbo en Europa no século XX [Aquí achega o dato concreto]. O mesmo está ocorrendo en EE.UU. Non é Obama o que creou un movemento, senón ao contrario, foi un enorme movemento popular de protesta en contra da clase política, cativada polo mundo empresarial e financeiro (coñecida en EE.UU. como Washington), que fixo que un personaxe como Obama sexa posible. Sen esa mobilización popular, Obama sería unha mera nota ao pé de páxina [É certo que as campañas publicitarias teñen a súa importancia, pero non explican todo. A teoría da publicidade ten un termo para referirse á situación en que un/ha consumidor/a rexeita a publicidade: facer zápping].
2.Unhas eleccións demasiado mediáticas?
Si. Obama foi un fenómeno mediático que dá unha visión errónea do que está ocorrendo en EE.UU [interpreto que o que quere dicir á: dicir que Obama é un fenómeno mediático dá unha visión errónea]. Parece como que a solución aos problemas do mundo é atopar o mesías adecuado. Ata aquí en España hai voces que están pedindo onde está o Obama español. Paréceme unha pregunta frívola, resultado dunha cultura mediática excesivamente sensacionalista.
3.Obama non é “un gran personaxe”? (Como o cualifican algúns)
Obama é un político hábil e astuto, que soubo capitalizar a enorme impopularidade de Washington, presentándose como o candidato do cambio sen definir claramente cal é ese cambio.
4.Que significa a elección de Obama? Ademais de ser a elección nas urnas dos estadounidenses.
Significa que un cidadán afroamericano será Presidente de EE.UU., o cal é moi positivo e importante, e que a época Bush terminou, o cal tamén é moi positivo e importante. Polo demais, será un político moi semellante ao Presidente Clinton. A administración Obama será moi parecida á administración Clinton [para ben, e tamén para mal…].
5.Que fixo posíbel o “fenómeno Obama”? [Aquí ben o quid da cuestión]
O gran descontento das clases populares coa clase política daquel país [simple, pero Obama non forma parte desa clase política? No seu momento votou en contra da guerra de Iraque, o que o situou fóra do stablishment de Washington, e non forma parte dos grandes clans que forman ese centro de poder].
6.Viría sendo máis rompedora a figura dunha muller na presidencia de EEUU?
É moi probable que a presidencia de EE.UU. a ocupe unha muller unha vez termine a administración Obama.
7. Poida que Sarah Palin teña un papel no futuro de EEUU?
Si. Será unha forza importante liderando a ultradereita estadounidense, que ten unha base social moi ampla. Existe un populismo de ultradereita que ela liderará.
8. Vostede é gran coñecedor da política estadounidense e da sociedade americana, atrévese a facer algunha predición sobre a xestión de Obama?
Como dixen, a administración Obama será semellante á administración Clinton.[para ben, pero tamén para mal…]
9. A sociedade americana espertou para mobilizarse contra a xestión dos republicanos e de Bush, é o principio dun cambio en EEUU?
Haberá un cambio importante na política interior con maior fincapé en intervencións de tipo keynesiano, dando un maior protagonismo ás intervencións públicas do goberno federal. Na política exterior non haberá un cambio moi significativo, aínda que o conflito de Afganistán se incrementará notablemente. Será unha administración máis dialogante pero sen cambios moi significativos.
10.Cal é o cambio que necesita a sociedade? [o socialdemócrata en acción]
Un cambio moi profundo na democracia estadounidense, que é unha democracia moi insuficiente e moi incompleta. O sistema electoral está privatizado, está financiado polo mundo financeiro e empresarial. A non ser que haxan cambios no xeito en como se elixen os políticos, non creo que haxa cambios moi significativos naquel país. O que o país necesita é unhas políticas redistributivas moi notables coa universalización dun estado do benestar moi insuficiente. Case o 45% das persoas que teñen enfermidades terminais (é dicir que se están morrendo) comunican que están moi preocupadas de como elas ou os seus familiares van pagar as facturas médicas. Isto é un indicador da enorme crueldade do sistema estadounidense. Cando o que será Presidente, Obama, di que a fortaleza de EE.UU. non ten que vir das armas senón dos valores que defenden, a cidadanía do mundo ten que ser consciente de que estes valores están moi limitados no propio EE.UU. O dereito de acceso aos servizos sanitarios en tempo de necesidade, por exemplo, non existe en EE.UU. e aquel país non asinou a declaración de dereitos humanos que prohibe, por exemplo, o traballo dos nenos e a súa Constitución non garante o dereito á sindicalización. En Europa e en España, idealízase EE.UU. con excesiva frecuencia. Coñezo ben EE.UU., onde traballei durante trinta e cinco anos. Se vostede pertence ao 30% superior do país, EE.UU. é unha sociedade que lle permite un nivel de vida moi elevado. Pero se vostede pertence á clase traballadora ou a gran parte das clases populares, vostede non gozará de dereitos tan elementais como a sanidade pública ou o dereito de sindicalización. O que tería que ocorrer é unha reforma [aquí é onde podería discrepar, reforma non é a palabra nin o concepto] profundamente democrática daquel país, eliminando as enormes influencias que ten o mundo financeiro e das grandes empresas na vida política do país. O último exemplo diso é o control que ten Wall Street (o centro do capital financeiro) sobre a axencia federal que supervisa á comunidade bancaria, e que acaba de establecerse polo goberno Bush (aprobado tamén por Obama).
|
|
FALO DE MEMORIA…
PERO CREO LEMBRAR QUE o significado termo socialdemocracia é múltiple e está intimamente vencellado a quen o empregue e cales sexan os seus posicionamentos políticos.
As miñas primeiras lecturas de textos de Lenin turbábanse cando lía expresións do tipo “nós os socialdemócratas”. Non entendía porque o seu partido tiña, precisamente, aquel nome: Partido Obreiro Social Demócrata Ruso (POSDR).
Con efecto, era un distinción moi importante porque se motivaba por mor do enfrontamento que mantiña co partido Social Revolucionario. Alén de etiquetas, a diferenza fundamental, entre séculos XIX e XX entrámbolos dous partidos é que estes últimos partillaban de tácticas anarquistas, do asasinato persoal, nomeadamente, das bombas, o cal era desestimado polo POSDR. Así mesmo, dentro do POSDR había dúas correntes: o que descartaban a violencia (os menxeviques) e quen non a descartaba, sempre dentro dun esquema de masas, (os bolxeviques).
O asunto é que os eseritas insultaban aos de Lenin co apelativo socialdemócrata co significado de “non revolucionario”.
Nos albores da I Guerra Mundial, en 1913-14, os partidos socialistas de Europa (como o POSDR) enfrontáronse a unha decisión crucial. Criticar a guerra por ser de raizame imperialista, ou sumarse ás loucura belicista. A ruptura foi inevitábel, os socialistas, sen máis, tornaron belicistas, e as minorías, que adoptaron o nome de comunistas, en pacifistas. No imperio dos tsares, os comunistas empregaron tamén o termo socialdemócrata como improperio.
Cales eran as diferenzas entre comunistas e socialdemócratas? Para min os comunistas foron innovadores en varios aspectos:
- Os socialdemócratas pensaban que a revolución só se podía producir se as forzas produtivas estiveren nun estado evolucionado. A revolución non era posíbel na periferia. Os comunistas discrepaban, pensaban que a revolución é posíbel á marxe do estado das forzas produtivas.
- A interpretación do marxismo dinámica, que precisa dunha aplicación practica a cada realidade e cada momento concreto. Esta aplicación derívase do estudo das condicións específicas de cada realidade.
- O principio da Autoderterminación e o dereito á independencia política plena das nacións asoballadas.
- A ampliación do suxeito revolucionario a outras clases sociais ademais da obreira. Este principio derívase do anterior e é fundamental para entender porque os partidos comunistas apoiaron os Soviets rusos e os Conseglii italianos.
- A creación da estrutura partidaria centralizada, democrática, artellada sobre as células.
- A concepción dinámica do capitalismo que evoluciona e adopta novos modelos, por exemplo, dentro do modo de produción capitalista teñen cabida o modelo clásico (liberal), os modelos híbridos (o keynesianista, a democracia cristiana, a socialdemocracia), o modelo neoliberal, outros…
Agora ben, socialdemócratas e comunistas seguían a empregar os postulados marxistas como instrumento de análise e seguían a ter como obxectivo a superación do modo de produción capitalista.
A socialdemocracia e o keynesianismo son, polo tanto ideoloxías diferentes, porque o keynesianismo pula pola intervención transitoria do sector público na economía como instrumento para a recuperación das crises económicas.
A irrupción dos totalitarismos en Europa, baixo o mecenado da grande burguesía, obrigou a comunistas e a socialdemócratas a deixar de lado as súas diferenzas, establecer programas de mínimos con outros progresistas ou simplemente demócratas,, e conformaren frontes populares. Se cadra é unha parvada que se me ocorre agora, algo que non debería dicir, pero a alianza entre EE.UU. (keynesista), O Imperio Británico (Liberal, formalmente democrático) e a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (comunista) responde ao mesmo esquema que un fronte popular dos anos trinta.
Rematada a II Guerra Mundial, asómase ao mundo, fundamentalmente Europa, unha realidade que asustou a moitos. Os grandes vencedores, os que máis posicións gañaron foron os comunistas. En Europa, lideraran a resistencia antifascista. No mundo patrocinaban a emancipación das colonias. De lado de quen se puxeron os socialdemocratas? Contra os comunistas. Máis aínda, abandonaron paulatinamente o marxismo, xa non como programa, senón mesmo como instrumento analítico. Deron en terceira vía.
Pero falo de memoria e podo estar completamente equivocado.
|