Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

19/09/2008 GMT 1

Capitalismo e cultura

fumador @ 13:07

Alberte Mera publicou un post no seu blog sobre un artigo de opinión de Mario Vargas Llosa. Este simpatizante dun partido de ultradeireita con representación nas Cortes de Madrid disertaba sobre a comenencia ou non de que o estado interveña no mercado cultural. Con efecto, para el a cultura tamén é mercado, e polo tanto, tamén debe estar suxeita á lei da oferta e da demanda.

Este afamado escritor, aspirante aínda ao premio Nóbel de Literatura, sintetiza as posturas que defenden a oportunidade de facer unha excepción coa cultura. Segundo, este ex-alumno da Universidad Nacional Mayor de San Marcos, hai dúas posicións: A) Os produtos culturais deben ser separados dos outros porque, de non o ser, o resultado é que os consumidores prefiren aqueles de pero calidade. É dicir, que preferimos ver Spiderman III que Elegy de Isabel Coixet. B) A cultura é un trazo nada fulcral da identidade individual e colectiva, polo que hai que protexela de invasións culturais externas. Calquera destas premisas implica que o Estado debe intervir activamente na cultura. Todo o artigo de LLosa está focado a desmontar este siloxismo.

A argumentación de Llosa vén desembocar nestas ideas: O intervencionismo cultura é despotismo ilustrado (e un gradiente de totalitarismo) porque será un corpo de burócratas os que determinan que é o que se debe promover. Basear esta selección sobre a identidade cultura é unha especie de crime porque as grandes obras da literatura son universais, polo que a intervención cultural extermina a calidade. Ademais, nesta época de globalización, ten moi pouco sentido manter conceptos como a identidade cultural. A intervención implica a censura e el defende a liberdade.

A min dáme moita mágoa descubrir que hai persoas que pensan que somos libres, porque non somos completamente libres. A anticuada noción da liberdade que defende Llosa caeu polo seu propio peso ao longo do século XIX. Marx demostrou que a nosa liberdade está subordinada á nosa clase social. Mendel e Darwin demostraron que a nosa liberdade está subordinada á natureza. Freud demostrou que a nosa liberdade está subordinada á nosa propia irracionalidade. O feminismo demostrou que a nosa liberdade está subordinada ao noso xénero. O nacionalismo (no sentido primixenio, emancipador) demostrou que a nosa liberdade está subordinada á nosa pertenza a unha nación. Somos libres, pero con condicionantes.

Para actual como se fosemos libres debemos ser conscientes das nosas limitación. Isto é algo que esquece, interesadamente, Llosa. Cando imos ver un filme debemos ser conscientes de que a carteleira responde aos plans dunha ou de varias multinacionais que limitan a nosa capacidade de elección. Debemos ser conscientes de que unha multinacional ten unha capacidade de condicionarnos inmensamente maior que un estudo independente.

Esqueceu Llosa que existe unha ciencia que consiste en condicionar o noso comportamento, o márketing?

***

 

natalie-dylan-howard-stern2.jpg

(Continúo a poñer fotos que non teñen que ver co post. Ela é Natalie Dylan, a muller que vende a súa virxindade para pagarse o 2º ciclo da carreira. O fondo é o prostíbulo onde xa traballa a súa irmá, coa mesma finalidade. Este non é o primeiro caso. A Mario Vargas Llosa encantaralle tanta liberdade)

12/09/2008 GMT 1

Cuestión de estilo

fumador @ 13:18

Logo de retornar do longo período estival (non sempre de descaso), atópome con que a lingua volve ser motivo de polémica. Grazas a chuza descubro que, segundo un artigo nunha revista científica, as persoas bilingües teñen máis posibilidades de seren tatexas.

Non, non é un problema de chuza, senón do editor dun xornal que publica a nova. Realmente, non sei en que pensan algúns xefes de redacción. Este, polo menos debería ter  seguidos as indicacións do Libro de Estilo de El Mundo (tan bo como o de El País, pero coa mesma fortuna) e ter contrastado a nova.

O certo é que, logo de consultar os sumarios deste ano na web da revista en cuestión , non aparece o artigo que fala deste tema. É realmente escandaloso. Eu, por deformación profesional, teño o costume de consultar sempre as fontes, especialmente cando tratan de temas relacionados coa Lingüística.

Por outra parte, a redacción do artigo xa da pé a pensar mal porque:

1º Quen se responsabiliza é unha persoa chamada Nuria Baena, pero non se indica de onde tirou a información. Non vén nin dunha axencia, nin da redacción. Ademais, está situado na sección de saúde e non na de ciencia. Isto é moi sospeitoso.

2º Emprega como fonte unha revista de investigación médica especializada. Este tipo de publicacións teñen unha distribución reducida e para especialistas e son moi pouco adecuadas para a divulgación. A diferenza entre as publicacións especializadas e as de divulgación é básica, de primeiro de Documentación e Biblioteconomía.

3º O titular céntrase no aspecto do bilingüismo, cando no propio corpo do artigo, hai datos máis efectistas, como que os homes son catro veces máis tatexos que as mulleres. Por outra, tamén podían contrastar a noticia con outras fontes científicas, como a Universidade de Vigo, por exemplo.

4º Extrapola (ou pretende extrapolar) un estudo en Londres feito no seo de comunidades de inmigrantes ao caso das comunidades lingüísticas con linguas en contacto, como as nacións sen estado.

5º Non cita ás autoras (ou autores) do artigo (será porque non existe, eu, polo menos, sigo sen atopalo!!!).

6º A estas alturas da película, xa sabemos onde lle manca o zapato a El Mundo.

Ou non?

Bilinguísmos

(Xa sei que a foto non ten nada que ver co texto, pero paréceme dunha grande beleza estética)

07/07/2008 GMT 1

Porque non triúnfan os portaminas?

fumador @ 20:40

Leo en internet sobre a viabilidade dos libros dixitais. Non dubido, como moitas persoas, que os libros dixitais teñen moitas vantaxes. Concordo, porén, con esas mesmas persoas que pensan que os libros tradicionais van seguir a ser útiles. Así e todo, nun primeiro momento non sabería explicar ben o porqué. Ten que ver coa obsolencencia.

Hai tres motivos principais que explican a obsolescencia, ou o desuso de algo, non por ter un funcionamento defectuoso, senón por outros motivos:

Insuficiencia de recambios ou materia prima. Cando se esgota a materia prima dun ben ou as pezas coas que se fabrica, obviamente, déixase de utilizar. Hai quen inclúe nesta aliña o abandono de automóbiles moi vellos. Eu creo que o caso máis claro é o do papiro.

Alternativas mellores. Se nun determinado momento, para unha mesma funcionalidade, aparece unha tecnoloxía máis eficiente, a nova substitúe á vella. O caso paradigmático é o da informática; eu non deixaría de sinalar que os ordenadores, como procesadores de textos, substituíron ás máquinas de escribir eléctricas, que substituíran ás vellas mecánicas.

Opción de uso. Unha terceira opción é que o público escolla unha de varias alternativas que aparecen a un tempo, como que pasou con BETA e VHS.

Cal explica que os portaminas non substituíran aos lapis? Ningunha. Aínda admitindo que hai tecnoloxías obsoletas que sobreviven confinadas en funcións especiais ou afectivas, non se explica porque os portaminas non teñen un uso tan xeneralizado como os lapis, cando son, desde calquera punto de vista, mellores. Ou non?

Lapis e portaminas

18/06/2008 GMT 1

Worm hole

fumador @ 09:10

Hai un par de días estiven a ver un documental de divulgación científica sobre como sería unha nave extraterrestre e como poderíamos reproducila. A conclusión da reportaxe é que, neste momento, a humanidade ten coñecementos teóricos para poder viaxar a outros lugares do universo.

O motor desa hipotética nave funcionaría sobre os principios da física do século XX baseados na teoría da relatividade. O que vén a dicir Einstein é que o espazo e o tempo son mesma cousa, algo así como un colchón dunha cama. Que ocorre cando me deito na cama? Que o colchón afunde. Do mesmo xeito ocorre con contínuum espacio-temporal, unha masa pode curvalo:

Curvatura espazo-temporal

 

 

 

 

 

Cando unha masa chega a ser suficientemente grande non só "afunde" o continuum espazo-tempo, senón que crea ao seu redor un campo gravitacional tan forte que nin tan sequera a luz pode escapar del. Aparece unha rexión escura no universo, un buraco negro solitario.

Se imaxino que o universo é un folio, podería facer que esquinas opostas se tocasen só con dobralo.O mesmo podería facer co universo. Como? Moi simple.

Para ligar os dous planos só se necesita dúas masas suficientemente grande para que os seus campos gravitacionais se confundan e que se xere un wormhole.

Buraco de verme - wormhole 

 Un buraco de miñoca é, esencialmente, unha ponte entre dous puntos afastadísimos do universo. Ademais, dado que o espazo e o tempo veñen sendo unha mesma cousa unha mesma cousa, non só sería posíbel viaxar de aquí a outras galaxias, senón de agora a outros tempos.

Animación buraco de verme

Ligar cousas que non teñen unha ligazón paréceme fascinante. Buscar os vincallos acubillados do universo é unha tarefa aglaiante. Pregúntome se podemos achar outros buracos-vencello máis próximos. Non é máis que dobrar unha folla de papel para facer que se toquen ou seus extremos.

08/06/2008 GMT 1

Estás bébedo, Benigno!

fumador @ 20:00

Dentro de varias semanas cumpriranse cincuenta anos de que chegase a televisión. A Nosa Terra dá conta do feito. Cincuenta anos máis tarde parece que a historia se repite.

A semana pasada o director de CRTVG declarou que aínda están a montar a segunda canle de televisión. A partir das súas declaracións o que deduzo é que non teñen claro os contidos, porque construír unha grella sobre a canle internacional pero que incorpore novidades, programas deportivos sobre actividades minoritarias e culturais está falando de dúas cousas completamente diferentes. Basta unha ollada á grella dos canais internacionais de América e Europa para velo.

O certo é que esta non é a miña primeira decepción con este home. Lémbrome do escándalo das gravacións ilegais e do funcionamento en xeral. Teño a sensación de que o PSOE (PSdG) está a atrasar o máis que pode a reforma da CRTVG tan prometida, que creo que é esencial. Unha galega que responda perante o parlamento e non perante a Presidencia da Xunta non só gaña en credibilidade, senón que tamén ten maior marxe de actuación.

Por outra parte, alédome que a Compañía non estivese parada. Houbo cambios na programación que foron para ben, como na tv, cifras e letras, os documentais, Hai debate, os filmes sen interrupción ou algún outro programa. Creo que onde se mellorou notabelmente foi na radio. Desde hai algún tempo abandonei a SER, que cada día é máis impresentábel, e paseime á galega.

Desde que dispoño do decodificador dixital dunha compañía e puiden comparar a programación da galega con outras canles autonómicas, cheguei á conclusión de que non é tan horríbel, se cadra é un chisco máis ca digna. As monstruosidades que se poden ver por aí adiante ultrapasan con creces os peores tempos dos superpiñeiros e de gayosos.

A galega sempre foi deostada. Sobre todo por algo en que son bastante bos. As dobraxes. Quen critique as dobraxes da galega ten un problema moi gordo e debería facer que llo mirasen.

Iso si, boto de menos o Xabarín.

18/05/2008 GMT 1

Prometinme non escribir sobre lingua

fumador @ 21:18

O escándalo quedou sepultado polos grandes medios de comunicación, pero esténdese na arañeira sen freo. Refírome á trasnada que organizou un programa de televisión cuxa liña editorial se articula ao redor da crítica dun determinado modelo de xornalismo. Quizais debería utilizar mellor pseudoxornalismo, para falar con maior propiedade.

A base do xornalismo é a información, mais non calquera información, calquera dato, senón que cómpre distinguir entre información e o resto que non o chegar a ser. Debe ser socialmente relevante e sempre hai que indicar cando as fontes son fidedignas e cando non. Así mesmo, os profesionais da información han esforzarse por confrontar versións diferentes dun mesmo suceso, ou sinalar cal é a versión en que acreditan ou non. A brincadeira á me refería antes evidenciou as carencias de moitos medios, xa que foi obvio que os máis non seguiron este método.

Como se organizou todo isto? É simple de todo. Primeiro créase un colectivo de nome imposíbel e estrafalario (a sigla elixida é ANTITELMA). Logo deséñase unha web rechamante para darlle un pouco de contido, incluíndo un manifesto vacuo. Terceiro, búscase un voceiro para poñerlle unha cara a este colectivo, neste caso foi o actor profesional. Agora ben a segunda fase. Envíase unha circular aos medios ou programas informativos que, en principio, poidan estar interesados na aparición dun colectivo deste tipo ou consideren que é relevante. Esta nunca é unha decisión neutral, pode ser honrada, pero nunca é imparcial. A noticia esténdese de xeito viral. A seguir, organízase unha pequena concentración nun lugar onde é previsíbel o tirón mediático. No momento mesmo da concentración hai persoas que se suman de boa fe á opereta. Os conxurados emitiron unha reportaxe sobre como confabularon esta intriga da obra e demostraron que a prensa rosa ten moi escasa fiabilidade. Dóeme especialmente que a TVG tamén picara.

Prometinme a min mesmo que non ía escribir sobre a lingua precisamente hoxe, pero non podo deixar de facelo. Hai colectivos sociais que demostraron ter relevancia social. Mañá comprobaremos logo se teñen repercusión informativa. En troca, outros, a pesar de estaren apoiados ou seren favorecidos polos grandes medios de comunicación masiva, aínda teñen que demostran se son algo de verdade, ou unha montaxe de mal gusto.

Voces amigas

fumador @ 20:03

arroba

Non dou feito.

Xabier lanzou un blogue sobre a súa obra poética. recoméndoo sinceramente, porque ten xenio.

Silvia Bermúdez séguelle a dar, dúas veces esta semana, ao mesmiño que Xabier Pérez.

Alberte súmase tamén a iniciativa dos Blogues pola Lingua.

12/05/2008 GMT 1

Voces amigas

fumador @ 22:40

arrobaNon ía escribir nada hoxe, máis como leo cousas de amigos, que menos que recomendalas.

Silvia Bermúdez postea un artigo sobre a lingua. Ás veces os nosos inimigos dannos os mellores argumentos...

Xabier, sempre prolífico postea sobre o asunto dos alcaldes arrepentidos... de momento non se confesaron membros da cosa nostra, só recuaron no rexeitamento ás galescolas.

Tamén escribe un artigo sobre a nova organización de ensino. Chamoume a atención que coincidamos no concepto sinerxia e máis que os dous debimos escribir sobre o mesmo ao mesmo tempo.

Prendo un cigarro.

11/05/2008 GMT 1

Parabéns

fumador @ 22:11

asemblea_constituinte.jpg

Onte fundouse unha nova organización estudantil nacionalista que ten carácter unitario porque aglutina diferentes ámbitos do ensino regrado. A constitución desta nova organización vén da man dos CAF e dos CAE e, aínda que os medios de comunicación pasaron con pés de la por esta nova, ten a súa importancia.

Estou moi orgulloso polas persoas que conseguiron chegar ata aquí porque no seu momento nós non o logramos. Fixemos outras cousas, fomos referentes, pero faltounos isto.

Como veterano dos CAE vivín o seu mellor momento, que coincidiu coa época en que Anxo Igrexas levaba a secretaría xeral, mesmo cheguei a formar parte da executiva nacional. Nesta época encabezamos a oposición estudantil á política reaccionaria que o PSOE primeiro e logo o PP practicaron desde o goberno central. Tamén diriximos a loita contra a política neoliberal dos gobernos de Fraga. Por ende, superamos ao “sindicato de esdudiantes”, non por manter unha loita sectaria, senón porque a súa estratexia distaba de defender os intereses do estudantado galego.

Gardo, tamén, moi bo recordo do meu paso polos CAF. Tocoume ser o responsábel do comité de Filoloxía, Tradución e Químicas, que contou cun grupo humano moi bo e tivo varios éxitos significados. Tamén lembro positivamente o noso traballo institucional, aínda que no mandato que fun elixido claustral tivemos que corrixir a acción institucional porque os compañeiros de quen tomamos o relevo cometeran certos erros. Por suposto, o noso mellor momento foi o conflito da LOU. No campus de Vigo superamos a consigna “siglas non” e os CAF foron un elemento vertebrador do movemento. En xeral, o movemento galego foi moi superior ao do resto do estado. O elemento diferencial que o explica é a presenza activa dos CAF. Penso que debemos reflexionar sobre ese conflito agora que temos certa distancia histórica.

Supoño que haberá xente que diga que isto é unha simple unificación de dous “chiringuitos” e que son catro gatos. A xente é moi mala. Aos meus compañeiros dos COMITÉS dígolles que dá igual o número, como se son dous, que quen di iso é, ou por envexa, ou por tribalismo mental; o importante é crear sinerxías polo ben do país.

O certo é que se ampliamos o ángulo de visión, observaremos tres fitos importantes. A CIG converteuse na segunda forza sindical en Galiza, o BNG obtivo un éxito este marzo e agora conflúe o movemento estudantil. Ábrese a expectativa dun ciclo de ascenso no nacionalismo. Hoxe, porén, toca outra cousa.

Parabéns aos COMITÉS.

19/03/2008 GMT 1

1600

fumador @ 17:53

bandeira sueva

O ano que vén cumpriranse 1600 anos da instauración dun poder político independente en Galiza. Non se pode soster que fose un poder propio, no sentido de ser un poder constituído polas clases dominantes propias, ou naturais de Galiza, pero si que se pode afirmar que se trataba dun poder soberano.

Idacio conta laconicamente que chegaron á Península Suevos, Vándalos e Alanos:

Os Alanos, Vándalos e Suevos chegaron ás Hispanias no ano 447 da era. Para uns o 4 das calendas, para outros o 3 dos idus de outubro, terza feira, no oitavo consulado de Honorio, e o terceirio de Theodisio, fillo de Arcadio.

Ante este desmando o Imperio Romano chegou a un acordo cos primeiros. Na práctica recoñecía un reino en calidade de aliado e subordinado á autoridade imperial a cambio de expulsaren aos outros dous. De dereito instaurouse unha medievalización de Galiza, cun rei ligado a un emperador e coa existencia de duplicidade legal para a poboación dun mesmo territorio. O dos suevos foi o primeiro reino occidental recoñecido pola Cidade. E os Suevos, o pobo xermánico máis romanizado, fixeron que Galiza entrase na Idade Media case un século antes que Francia (por exemplo).
A personalidade política de Galiza abrollou daquela, se ben había trazos sociais que perfilaban unha especificidade; non por azar os romanos non só atoparon un nome para todos nós, senón que tamén nos mantiveron na mesma provincia. A natureza social viuse recoñecida institucionalmente tamén co reino.
Dubido que o primeiro rei Suevo (Hermerico) se vise a si mesmo como rei galego, pero o seu sucesor (Requila) tivo unha alianza estable cos priscilianistas. Daquela naceu de verdade o reino, o antigo reino de Galiza.
Esta idea de antigo reino pervive ata os nosos días, segue a ter vixencia, mesmo hai articulistas nada sospeitosos de nacionalistas que aínda fala do antigo reino. A Lei de símbolos vixente, aprobada en 1984, recoñece como marcha de honores o himno do antigo reino.
O reino foi unha forma de recoñecérmonos esta personalidade histórica que somos. Vernos como un conxunto de persoas cunha lingua e unhas tradicións comúns está aquí.
Sospeito, ademais, que esta consciencia histórica cada día non é menos potente que o anterior.

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis