1600

O ano que vén cumpriranse 1600 anos da instauración dun poder político independente en Galiza. Non se pode soster que fose un poder propio, no sentido de ser un poder constituído polas clases dominantes propias, ou naturais de Galiza, pero si que se pode afirmar que se trataba dun poder soberano.
Idacio conta laconicamente que chegaron á Península Suevos, Vándalos e Alanos:
Os Alanos, Vándalos e Suevos chegaron ás Hispanias no ano 447 da era. Para uns o 4 das calendas, para outros o 3 dos idus de outubro, terza feira, no oitavo consulado de Honorio, e o terceirio de Theodisio, fillo de Arcadio.
Ante este desmando o Imperio Romano chegou a un acordo cos primeiros. Na práctica recoñecía un reino en calidade de aliado e subordinado á autoridade imperial a cambio de expulsaren aos outros dous. De dereito instaurouse unha medievalización de Galiza, cun rei ligado a un emperador e coa existencia de duplicidade legal para a poboación dun mesmo territorio. O dos suevos foi o primeiro reino occidental recoñecido pola Cidade. E os Suevos, o pobo xermánico máis romanizado, fixeron que Galiza entrase na Idade Media case un século antes que Francia (por exemplo).
A personalidade política de Galiza abrollou daquela, se ben había trazos sociais que perfilaban unha especificidade; non por azar os romanos non só atoparon un nome para todos nós, senón que tamén nos mantiveron na mesma provincia. A natureza social viuse recoñecida institucionalmente tamén co reino.
Dubido que o primeiro rei Suevo (Hermerico) se vise a si mesmo como rei galego, pero o seu sucesor (Requila) tivo unha alianza estable cos priscilianistas. Daquela naceu de verdade o reino, o antigo reino de Galiza.
Esta idea de antigo reino pervive ata os nosos días, segue a ter vixencia, mesmo hai articulistas nada sospeitosos de nacionalistas que aínda fala do antigo reino. A Lei de símbolos vixente, aprobada en 1984, recoñece como marcha de honores o himno do antigo reino.
O reino foi unha forma de recoñecérmonos esta personalidade histórica que somos. Vernos como un conxunto de persoas cunha lingua e unhas tradicións comúns está aquí.
Sospeito, ademais, que esta consciencia histórica cada día non é menos potente que o anterior.

Chúzao
del.icio.us


