Prometinme non escribir sobre lingua
O escándalo quedou sepultado polos grandes medios de comunicación, pero esténdese na arañeira sen freo. Refírome á trasnada que organizou un programa de televisión cuxa liña editorial se articula ao redor da crítica dun determinado modelo de xornalismo. Quizais debería utilizar mellor pseudoxornalismo, para falar con maior propiedade.
A base do xornalismo é a información, mais non calquera información, calquera dato, senón que cómpre distinguir entre información e o resto que non o chegar a ser. Debe ser socialmente relevante e sempre hai que indicar cando as fontes son fidedignas e cando non. Así mesmo, os profesionais da información han esforzarse por confrontar versións diferentes dun mesmo suceso, ou sinalar cal é a versión en que acreditan ou non. A brincadeira á me refería antes evidenciou as carencias de moitos medios, xa que foi obvio que os máis non seguiron este método.
Como se organizou todo isto? É simple de todo. Primeiro créase un colectivo de nome imposíbel e estrafalario (a sigla elixida é ANTITELMA). Logo deséñase unha web rechamante para darlle un pouco de contido, incluíndo un manifesto vacuo. Terceiro, búscase un voceiro para poñerlle unha cara a este colectivo, neste caso foi o actor profesional. Agora ben a segunda fase. Envíase unha circular aos medios ou programas informativos que, en principio, poidan estar interesados na aparición dun colectivo deste tipo ou consideren que é relevante. Esta nunca é unha decisión neutral, pode ser honrada, pero nunca é imparcial. A noticia esténdese de xeito viral. A seguir, organízase unha pequena concentración nun lugar onde é previsíbel o tirón mediático. No momento mesmo da concentración hai persoas que se suman de boa fe á opereta. Os conxurados emitiron unha reportaxe sobre como confabularon esta intriga da obra e demostraron que a prensa rosa ten moi escasa fiabilidade. Dóeme especialmente que a TVG tamén picara.
Prometinme a min mesmo que non ía escribir sobre a lingua precisamente hoxe, pero non podo deixar de facelo. Hai colectivos sociais que demostraron ter relevancia social. Mañá comprobaremos logo se teñen repercusión informativa. En troca, outros, a pesar de estaren apoiados ou seren favorecidos polos grandes medios de comunicación masiva, aínda teñen que demostran se son algo de verdade, ou unha montaxe de mal gusto.

Chúzao
del.icio.us



Sempre se podes sacar algo bo de todo isto.
Eu espero que toda esta maraña de información desinformada repercuta de maneira positiva nas novas xeracións obligandolles a tomar posturas máis críticas ante a desmesurada e falseada información que ofrecen os medios de comunicación de masas hoxe en día. Se non queres falar de lingua, non fales; máis é imposibel obviar A COMUNICACIÓN.
Fraque | 19-05-2008 - 22:18:53 GMT 1 #