Cuestión de estilo
Logo de retornar do longo período estival (non sempre de descaso), atópome con que a lingua volve ser motivo de polémica. Grazas a chuza descubro que, segundo un artigo nunha revista científica, as persoas bilingües teñen máis posibilidades de seren tatexas.
Non, non é un problema de chuza, senón do editor dun xornal que publica a nova. Realmente, non sei en que pensan algúns xefes de redacción. Este, polo menos debería ter seguidos as indicacións do Libro de Estilo de El Mundo (tan bo como o de El País, pero coa mesma fortuna) e ter contrastado a nova.
O certo é que, logo de consultar os sumarios deste ano na web da revista en cuestión , non aparece o artigo que fala deste tema. É realmente escandaloso. Eu, por deformación profesional, teño o costume de consultar sempre as fontes, especialmente cando tratan de temas relacionados coa Lingüística.
Por outra parte, a redacción do artigo xa da pé a pensar mal porque:
1º Quen se responsabiliza é unha persoa chamada Nuria Baena, pero non se indica de onde tirou a información. Non vén nin dunha axencia, nin da redacción. Ademais, está situado na sección de saúde e non na de ciencia. Isto é moi sospeitoso.
2º Emprega como fonte unha revista de investigación médica especializada. Este tipo de publicacións teñen unha distribución reducida e para especialistas e son moi pouco adecuadas para a divulgación. A diferenza entre as publicacións especializadas e as de divulgación é básica, de primeiro de Documentación e Biblioteconomía.
3º O titular céntrase no aspecto do bilingüismo, cando no propio corpo do artigo, hai datos máis efectistas, como que os homes son catro veces máis tatexos que as mulleres. Por outra, tamén podían contrastar a noticia con outras fontes científicas, como a Universidade de Vigo, por exemplo.
4º Extrapola (ou pretende extrapolar) un estudo en Londres feito no seo de comunidades de inmigrantes ao caso das comunidades lingüísticas con linguas en contacto, como as nacións sen estado.
5º Non cita ás autoras (ou autores) do artigo (será porque non existe, eu, polo menos, sigo sen atopalo!!!).
6º A estas alturas da película, xa sabemos onde lle manca o zapato a El Mundo.
Ou non?

(Xa sei que a foto non ten nada que ver co texto, pero paréceme dunha grande beleza estética)

Chúzao
del.icio.us


