Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

26/09/2008 GMT 1

Quen está detrás de ... ?

fumador @ 17:03

Fálase do ensino, do ensino público. Aparecen moreas de novas nos medios de comunicación. Sempre falan do mesmo, aínda que non o aparente. A día de hoxe é tan constante que case estamos acostumados; en todo isto hai algo, porén, que me fai non parar quedo. Esta dinámica poliédrica, este ataque en varios frontes é o mesmo e un único.

Dunha banda, fálase da lingua vehicular no ensino, da utilización presuntamente baixo coerción do galego, de porcentaxes, do ensino do inglés; da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos.

Por outra parte, fálase dos contidos, dos valores que se transmiten, do currículo, oculto ou non, do adoutrinamento neo-soviético, de que a formación moral e ética é un asunto familiar; da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos.

Fálase, tamén, do financiamento do ensino, dos orzamentos, das contas de gastos, dos custes do libros, do estipendio económico, de cheques escolares; da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos.

Aparentemente, todos estes ataques defenden un dereito, o da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos, que, en principio, é “de sentido común”. Aquí esta a trampa: emprégase unha palabra connotada positivamente “liberdade” e que ninguén discute para introducir canda ela propostas cun nesgo marcadamente reaccionario: o lingüicidio do galego, o ensino acrítico, a privatización do ensino…

Afírmase un valor, a “liberdade”, máis deféndense intereses económicos. Fago o sumatorio de todas as propostas: un ensino desigual, fraccionado, segregado; un ensino de elite para segmentos reducidos da sociedade; un ensino que transmita uns valores morais tradicionais e unha ideoloxía reaccionaria; un ensino privatizado subvencionado con cargo a fondos públicos. O modelo de ensino neoliberal.

Cando sinto falar do “dereito da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos” penso en quen sae gañando economicamente. Os colexios relixiosos, algúns medios de comunicación, algunhas editoriais, algunha formación política concreta. E quen defende o “dereito da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos”? A igrexa, grupos de comunicación, e os seareiros de consignas.

Fronte ao “dereito da liberdade que teñen os pais de educar os seus fillos” eu defendo o dereito das nenas e dos nenos a teren unha educación que os prepare para ser persoas adultas responsábeis, con madurez emocional e cuns valores éticos sólidos; defendo un modelo de ensino que forme persoas realmente libres e conscientes da súa realidade propia. Un modelo de ensino social.

E só hai dous lados nesta barricada.

Retrato by chris anthony

{A fotografía, que tampouco ten nada que ver co artigo (ou si?), fixona Chris Anthony, un fotógrafo sueco afincado en California, e pertence a súa colección de retratos. De ollardes a súa web, decatariádesvos  de que Tim Burton é bastante light}

Comentarios

Un Comentario »

  1. Hai un elemento nesa realidade que describes con atino, que fai que sexa inda máis perversa: a obscenidade. Até o de agora ese discurso reaccionario, uniformador e profundamenta antisocial, cando menos disimulabase co teatro da sutileza e da linguaxe políticamente correcta.

    Agora xa non hai lugar para parvadas. Discurso neocon e ultraliberal en puro. Nada de concesións.

    Pero vexamoslle o lado positivo: parece que comeza a caerse a escenografía oficial do pensamento gris, e como ben sinalas está máis claro ca nunca, que só hai dous lados nesta barricada.

    O das/os que acreditamos no colectivo/común/social e o dos que seguen coa inmoral teima do "salvese quen poida".

    Como di a cotío o camarada Anxo: "cada día que pasa acredito máis no socialismo como única vía". Ese é o camiño.

    Unha aperta.

    Xabier Pérez Igrexas | 27-09-2008 - 17:23:19 GMT 1 #

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis