A guerra na escola
Logo do período de descanso destes meses, retomo a escritura. Así e todo, decateime, de que o proxecto orixinal deste blogue non ten moito sentido, porque hai unha chea de bitácoras que escriben moito e con moito tino sobre a actualidade política. Xa que logo vou renunciar a escribir sobre actualidade. Que escriban outras.
E vouno empezar a facer a partir da semana que vén. Hoxe, por causas das miñas teimas persoais, quérome referir á situación no ensino, ollo de furacán dos acontecementos desta semana, de primeiras planas, punto na orde do traballo do pleno do Parlamento. Hai unha guerra na escola. Mais esta non é A guerra na escola que describe Pennac, senón que é outra distinta.
Esta semana puidemos ver publicadas na prensa referencias sobre moitos temas relacionados co mundo do ensino. A lingua, o sistema de financiamento, o novo sistema de gratuidade dos libros de textos, o transporte escolar, a falta de prazas de profesorado, as deficiencias canto a infraestruturas, o tratamento da inmigración, a educación cívica, a segregación por sexo, e un longo etcétera. Todo remata, ao cabo, no vitimismo do goberno, que acusa á oposición de montar unha campaña de desgaste na guerra da escola.
Nada máis lonxe da realidade. Os diferentes problemas no ámbito educativo que ten que afrontar o goberno galego son produto da súa propia política.
Para o sector que dirixe o PP a escola é unha fronte de batalla fundamental onde estender a súa ideoloxía. Cada conflito que abre (e cada resposta social que implica) vén derivado dunha concepción ideolóxica do ensino, unha concepción complexa, coherente, completa e profundamente perversa. Esta idea reaccionaria é a que impulsa unha guerra a grande escala.
A involución liberal, como un lobo vestido con pel de ovella, fala de liberdade de ensino, de liberdade de escolla; pero isto non é máis que unha manipulación da linguaxe. O que quere dicir a súa palabrería é que ten que haber dous sistemas educativos. A primeira rede, de xestión e de beneficios privados (fundamentalmente en mans da Igrexa católica), pero subvencionado con fondos públicos está destinado para os bos nenos, obedientes e disciplinados e procedentes de familias de clase media. A segunda rede, pública, está destinada aos residuos sociais: inadaptados, delincuentes, diminuídos, inmigrantes, desobedientes, os fillos e as fillas de clase traballadora. Conquistar esta posición e mantela é o seu obxectivo principal.
Empregan unha técnica moi simple, moi estudada e de probada eficacia. Crean e financian grupos reducidos e moi fanáticos que serven de punta de lanza. Danlles proxección pública nos medios de comunicacións afíns para que provoquen barullo e confusión cun discurso falso e demagóxico. Nun estado de desconcerto xeneralizalo toman iniciativas que camiñan cara o obxectivo final. O exemplo de Galicia Bilingüe é o exemplo paradigmático.
Empezas propugnando a liberdade de elección da lingua e acabas pegándolle aos nenos e ás nenas que falen galego. É a estratexia da pendente.
O discurso do PP sobre a escola non vai para aquí. Continuarán con outras propostas como, por exemplo, reimplantar os castigos corporais, eliminar a presenza da lingua galega e de todo que teña relación coa realidade galega no ensino concertado e logo na pública, implantar o creacionismo en clases de ciencias naturais, a segregación por capacidades físicas e mentais e por orixe étnica. As desigualdades, a discriminación, o machismo e o racismo forma parte do ADN do liberalismo neocón, pero (aínda) non se atreven a expresalo.

Chúzao
del.icio.us


