Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

28/09/2009 GMT 1

A riqueza da lingua

fumador @ 22:23
Este post rescata un texto que presentei ao concurso de artigos xornalísticos normalizadores alá por xullo e o asinaba co pseudónimo de J. F. Sebastian. Tendo en conta que a gañadora foi Pilar García Negro cun boísimo artigo, non me importou o resultado final. Posteriormente lin nalgún lugar que a achega da lingua española o PIB é o 17%. Botade contas, o PIB galego en 2007 foi de 55.850.

A RIQUEZA DA LINGUA

 O pasado mes de abril viu a luz o manifesto “O galego é útil” no seo da diáspora galega en Londres da man da xornalista Inma Gil e do programador Xesús Magariños. Esta declaración defende a utilidade prática nosa lingua. O coñecemento da lingua facilita a aprendizaxe doutro idioma, posibilita a comunicación co mundo lusófono e supón unha vantaxe comparativa fronte a outras persoas no mundo do traballo. Estou completamente de acordo.

Polo xeral, as linguas valóranse en función de criterios non cuantificábeis. Cada unha ten un valor lingüístico insubstituíbel  porque son únicas, pero o saber dunha contribúe ao mellor coñecemento de todas. Posúen unha importancia inestimábel porque son a chave para acceder á cultura de cada pobo. Ademais de seren ferramentas comunicativas, axudan a configurar e integral espazos sociais e relacións afectivas. As linguas, porén, tamén teñen un atractivo económico medíbel.

Un dos factores que inciden no éxito dunha empresa é a súa cultura organizativa e, na nosa realidade, empregar o galego internamente achega un extra ese funcionamento colectivo. Por outra parte, nas dimensións externas, como a publicidade, este engadido xa quedou demostrado desde o século pasado e avalado por estudos académicos. A lingua contribúe a explicar o éxito de empresas galegas de telecomunicacións, de servizos ou da construción naval.

Así mesmo, o galego posibilita a existencia de industrias culturais e da lingua, consideradas novos xacementos de emprego. Un libro en galego, por exemplo, non só implica unha persoa que o escribe, senón tamén entraña toda unha cadea económica asentada sobre o noso territorio: unha editorial, unha industria química, unha imprenta, unha empresa de transporte, un punto de venta. Todo isto significa postos de traballo asentados no territorio. Do mesmo xeito, esta afirmación adecúase aos produtos audiovisuais, musicais, interactivos, informáticos e os que leven a lingua asociada. No ensino os beneficios son, loxicamente, aínda maiores.

Tal como testemuñan as persoas que apoian o manifesto cos seus casos particulares, o coñecemento do galego supón un plus nas habilidades de cada traballador. A Neurolingüística explica que , ao se acumular diferentes estruturas de coñecemento como as linguas, aumentan a flexibilidade das redes neuronais,  e con elas as capacidades mentais. O esforzo da aprendizaxe dunha lingua é menor cantas máis linguas se coñecen previamente. Ademais, o galego abre as portas do universo lusófono: Portugal, Brasil, Áfríca e Asia… Son millóns de persoas.

Insisto. A lingua favorece que estes postos de traballo se asenten no noso territorio. É imposíbel deslocalizar os servizos de atención ao público dunha empresa de telefonía, por exemplo, cando esiximos que se utilice a lingua galega. O requisito de coñecer a nosa lingua para acceder á función pública, que é un mecanismo para protexer os dereitos dos galegofalantes, tamén asegura que  esas persoas coñezan a nosa sociedade e estean integradas nela. Trátase de que as nosas riquezas, os nosos postos de traballo, repercutan na nosa terra.

O galego é un fondo de investimento do cal todos participamos. Canto máis usamos a lingua, máis grande se volve e maior é o seu rendemento. O galego é, ao cabo, unha inversión que cada ano reparte dividendos.

J. F. Sebastian

tim-flach.JPG

O portfolio de Tim Floch é realmente sensacional. Non o perdades.

Comentarios

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis