Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Impostura de fumador [gamma]
Blogue persoal de Alexandre Insua

15/11/2009 GMT 1

3 días de impostura

fumador @ 20:18

Cada vez que se estrea unha longametraxe cuxa trama consiste nun, máis ou menos elaborado, desastre apocalíptico, a min atácame un fastío esgotador. Hai clásicos que paga a pena ver varias veces, mais as producións actuais son, basicamente, calcos de tramas anteriores, refritos cun orzamento para efectos visuais moi alargado e pouco máis. De entre os tipos de desastres, un dos que máis atemoriza consiste nun impacto dun meteorito inmenso que destrúe a especie humana. Supoño que existe certa consciencia de que isto mesmo puido ocorrer cos dinosauros, elemento fundamental.

Curiosamente, este é un tipo de desastre con pouca base, debido a que hai contra un milleiro de observatorios astrónomicos na Terra, alén doutros métodos, que poderían detectar unha ameaza desta envergadura. A caricatura grotesca dun freak, comedor de pizza-pepperoni, a escuras, fitando unha ou varias pantallas, chamando asustado co rostro desfigurado polo horror, non é máis que iso, unha caricatura grotesca e hollywoodiense. Non podo asegurar se os costumes da comunidade astronómica son máis ou menos habituais, ou se todos comen comida italiana, ou se as gardas de noite fanse obrigatoriamente en sala a escuras porque non o sei.

Con iso e con todo, con certeza centos ou milleiros de olladas barren o ceo na procura de obxectos de diferente natura. Buratos negros, púlsars, estrelas de todo tipo -desde a superxigantes azuis até as ananas vermellas-, sistemas planetarios, planetas, lúas e meteoros. Non confesa, hai unha arela por atopar un planeta con características semellantes ao noso que propicio o achado dun conxunto de mundos estraños e marabillosos: os planetas carbono, os xigantes gasosos, as superterras...

De entre todos estes obxectos, despertan en min unha sensación rara os planemos. Un planemo é un planeta sen estrela que orbitar, xa que, ao formarse o seu sistema solar, saíu del despedido pola forza centrífuga ou por dar un croque estelar cun segundo planeta. Os planemos son rochas escuras, que vagan polo universo sen unha ruta definida, que, aínda que quizais puideren ser cativados pola forza gravitacional dunha estrela, vense na obriga de se valer a si mesmos, en soidade, quizais coa axuda das lúas que o poidan acompañar ao longo do espazo.

Quizais haxa un planemo o suficientemente grande como para poder manter arredor de si propio unha atmosfera estábel. Quizais posúa un núcleo incandescente grande de abondo como para manter unha temperatura constante. Quizais xurdise certa combinación de gases, convenientemente licuados e ligados. Quizais algo se mova na súa cortiza...

A resposta ha de dárnola a ciencia, unha ciencia sen máis ataduras que a súa propia razón e o límite da razón.

 

moon-earth-1968.jpg

Esta é unha fotografía da Terra tomada desde a Lúa en 1968.

 

 

Comentarios

Un Comentario »

  1. Gostei moito da túa entrada. Parabéns. Mesmo provocaches unha curiosidade sana no eido astronómico.

    Apertas.

    Xabier Pérez Igrexas | 15-11-2009 - 21:02:58 GMT 1 #

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis